O Concello de Silleda saca a concurso a contrucción do Viveiro de Empresas no polígono Área 33

Silleda, 3 de xuño de 2019.  O Concello de Silleda vén de licitar o proxecto de construcción do viveiro de empresas que se instalará na parcela municipal do parque empresarial Área 33.

A obra sae a concurso por procedemento aberto e tramitación urxente, cun orzamento base de licitación de 349. 085,23 euros, IVE incluído. Os pregos de condicións e o proxecto poden consultarse a través do Perfil do Contratante, tanto na web municipal (www.silleda.gal) como na Sede Electrónica do Concello, así como na Plataforma de Contratación do Estado.

As empresas interesadas teñen un prazo de 13 días naturais contados a partir de mañá martes para presentar as súas ofertas no Rexistro Municipal (de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas).  O último día de presentación será o luns 17.

O Concello de Silleda é o promotor desta agardada obra, a única destas características que se aprobou o pasado mes de abril por parte da Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra, concedendo o máximo subvencionable 240.000 euros.

A obra, que se completará con fondos municipais, virá a dar resposta a unha das grandes demandas do colectivo silledense dos empresarios dos últimos anos. Estímase que os traballos comezarán o vindeiro mes de xullo.

O proxecto presentado polo Concello de Silleda conta cun  edificio na parcela municipal situada xunto á rotonda do parque, que se levantará, -como xa se avanzou no seu día- integrándose coa actual nave municipal sita nesta parcela. Este novo edificio serviría como sede para novas empresas tecnolóxicas ou de servizos, permitindo a persoas emprendedoras a posibilidade de contar cun espazo de traballo.

Do mesmo xeito, tamén se plantexa como lugar de encontro e reunión entre distintos profesionais.

O novo edificio proxéctase cunha estrutura de planta baixa, en forma de “L”, e adxacente á nave que xa existe na parcela municipal, xunto á rotonda do parque empresarial.

O deseño permitiría incluso unha futura ampliación cunha nova planta nunha seguinte fase.

O proxecto contempla espazos como unha cafetería, vinculada ao acceso principal, despachos para as empresas, salón de actos, e aseos accesibles.

“Plantéxase a construcción dunha estrutura modular que permitiría, se fose necesario, ir ampliando o edificio para acoller novos servizos”, indica o alcalde Manuel Cuiña.  “A día de hoxe en Silleda contamos cun polígono no que afortunadamente case a práctica totalidade das naves están ocupadas”, indica resaltando que a actividade industrial de Silleda “non solo se recuperou senon que se está afianzando, con novos proxectos empresariais que crean postos de traballo e que atraen poboación ao noso municipio”, engade.