O Concello de Silleda saca a concurso o Servizo Lúdico Educativo para o vindeiro curso

Silleda, 26 de xullo de 2019. O executivo municipal aprobou en Xunta de Goberno os pregos de cláusulas para a contratación do Servizo do Programa Lúdico Educativo de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo. O proceso tramítase por procedemento aberto e os pregos nos que se recollen as condicións administrativas e técnicas poden consultarse na web municipal silleda.es, no perfil do contratante da Sede Electrónica e na Plataforma de Contratación do Estado.

As empresas interesadas en optar á xestión deste servizo, dirixido a escolares de 3 a 12 anos de idade, dispoñen de 15 días naturais contados a partir de mañá, sábado, para presentar as súas ofertas, polo que o prazo remata o vindeiro venres 9 de agosto. O servizo ofertarase coma sempre durante o curso escolar e tamén durante as vacacións de Nadal e verán.

O procedemento está aberto a todas aquelas empresas interesadas e que cumpran cos requisitos que esixen as bases, que poden consultarse tamén no Concello.

Entre os criterios de adxudicación que recollen os pregos figuran, ademais do programa lúdico educativo, cuestións coma o prezo do contrato, ou disposición de maior número de monitores/as.

O prezo de licitación estimado é de 220.000 euros (55.000 euros por ano). A duración do contrato será de un ano con posibilidade de tres prórrogas anuais, ata un máximo de 4 anos. En total o servizo ofertará 50 prazas, 5 máis das que se viñan ofertando outros anos.

O servizo desenvolverase como vén sendo habitual no CEIP de Silleda, ofertando no CEIP da Bandeira soamente os campamentos de Nadal e verán, sempre e cando se acade un mínimo de 25 inscricións.

Servizo en Entroido, Semana Santa e días non lectivos que non sexan festivos

Así mesmo o servizo tamén se ampliará a súa atención ás familias usuarias. Haberá servizo durante as vacacións de Entroido e de Semana Santa, e tamén os días que sexan non lectivos, sempre e cando non sexan festivos. Nestas datas o horario será o mesmo que os campamentos de Nadal e de Verán. “Está é a gran novidade do servizo, que queremos continuar mellorando para facilitar a conciliación das familias silledenses”, indica a concelleira de Educación, Ángela Troitiño.

O servizo comezará a prestarse o vindeiro mes de setembro, co  inicio do curso escolar, en horario de 15.00 a 21.00 horas. No caso dos campamentos de Nadal e de verán o horario amplíase con servizo pola mañá (será de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Inscrición para usuarios aberta ata o 2 de agosto

O prazo para que os nenos e nenas se preinscriban no servizo está xa aberto e poderá realizarse ata o venres 2 de agosto. As inscricións deben de facerse, como de costume no Rexistro Xeral do Concello. No formulario de inscrición tamén se ofertan a pre inscrición nos campamentos de Nadal e Verán.