O Concello de Silleda só ten abertos tres litixios a día de hoxe, lonxe dos 25 pleitos do ano 2014

Silleda, 16 de marzo de 2018.  O Concello de Silleda conta a día de hoxe cun total de tres casos xudiciais abertos. Tres pleitos que están “moi lonxe dos preto de 30 litixios que nos atopamos cando o goberno socialista chegou a este Concello”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

No ano 2014 a entidade local contaba con 25 litixios abertos, unha cifra que foi descendo ata chegar aos tres actuais. Así, no ano 2015 a cifra baixou a 19, no ano 2016 contabilizáronse 15; e no 2017 a cifra caeu ata os 9, resolvendose a día de hoxe seis deles.

 Os litixios municipais presentáronse na súa maioría pola vía do contencioso-administrativo.

Houbo tamén un deles pola vía penal (unha querela por presunta prevaricación na concesión da licenza do velatorio de Silleda que finalmente foi arquivada), outro pola vía civil (a demanda da Editorial Plante que reclamaba 2.500 euros ao Concello e que tamén se arquivou hai unhas semanas), e outro ante o Tribunal de Recursos Contractuais, interposto polo Partido Popular de Silleda polo Servizo de Axuda no Fogar.  Ás demandas por impago súmanse tamén outros 8 casos de demanda de responsabilidade patrimonial, todos resoltos.

Dos tres pleitos actuais destaca o do vertedoiro de Campomarzo, pendente da apelación que fixo a empresa concesionaria contra unha sentenza favorable ao Concello pola cantidade de 270.117,96 euros. Este último está a piques de resolverse no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os outros dous son pleitos de carácter urbanístico por distancias a fosas sépticas.

“Ao longo destes últimos anos a triste herdanza que nos quedou tivo casos sangrantes con sentenzas nas que houbo que pagar máis de intereses de demora que de débeda principal”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña, destacando casos coma o de Indeza.

“Este caso foi un paradigma da desfachatez dos gobernos precedentes, cos que non pagaron e os que incumpliron os acordos de pago aos que chegamos no seu día”, apunta o alcalde lembrando o convenio ao que se chegou durante o primeiro mandato de Paula Fernández para abonar esa débeda e o acordo roto do goberno saínte da moción de  censura.

“Por todas esas actuacións neglixentes os veciños e veciñas de Silleda vimos como das arcas municipais sairon o pasado ano cerca de 500.000 euros, nada máis e nada menos que o 9 % do orzamento municipal, un pago ao que nos obligou un fallo xudicial e por culpa do cal teremos que elaborar este ano un plan económico financieiro para cumplir coa regra de gasto”, engade o rexedor.

“O de Indeza foi a gota que colmou o vaso nun largo listado de demandas por impago que sen dúbida mermaron a capacidade económica deste Concello nos últimos anos”, explica Cuiña. 

A mellora da xestión económica e a clarificación “da maraña nas contas que había cando chegamos” foi un dos primeiros e grandes obxectivos a partir do ano 2007. “Non gastar o que non se ten e aplicar políticas de aforro. Esa foi e segue sendo a máxima deste goberno. Unha receta sinxela que outros non souberon ou non quixeron poñer en práctica”, explica o alcalde, salientando que o orzamento municipal para este ano “con 7,8 millóns de euros, é un dos resultados desa xestión, coa que pese ao lastre das débedas e sentenzas xudiciais conseguimos sair adiante e facendo inversións importantes como as que se están a realizar”, engade.