O Concello de Silleda solicita un Obradoiro de Emprego para mozos/as menores de 25 anos

Silleda, 12 de maio de 2017.  O Concello de Silleda vén de solicitar á Xunta de Galicia a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego, neste caso dixido a mozos e mozas menores de 25 anos en situación de desemprego, que estén anotados no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

A proposta, que xa foi remitida á Consellería de Economía, Emprego e Industria pasa por contar con dúas especialidades: unha de promoción turística local, con 8 alumnos/as traballadores/as e outro de animación físicodeportiva e recreativa, con 7 alumnos/as traballadores/as.

Esta iniciativa tería unha duración de 6 meses, propoñéndose o seu inicio en setembro. Para financiar esta iniciativa solicítanse á consellería un total de 140.188 ,65 euros, aportando o Concello de Silleda outros 8.000 euros para completar o custe total que tería este obradoiro (148.000 euros).

O alcalde, Manuel Cuiña, destaca a aposta do goberno municipal por este tipo de iniciativas que combinan formación e emprego. “Nas vindeiras semanas rematará o obradoiro Semente de Pedra, con 20 alumnos e alumnas, e do que estamos seguros que cumplirá obxectivos”, explica. Dende o Concello tamén se solicitou outro obradoiro de emprego coa xestión forestal e a atención sociosanitaria como protagonistas.

Con este tipo de iniciativas dende o Concello de Silleda continúase apostando pola promoción do emprego xunto con outras como a bolsa de emprego, o plan de apoio a emprendedores –con subvencións a fondo perdido que poden acadar os 3.000 euros para os desempregados/as que poñan en marcha un negocio- ou as actividades relacionadas co Centro de Desenvolvemento Agrario.