O Concello de Silleda súmase ao convenio entre a Fegamp e o Colexio de Enxeñeiros Informáticos para a realización de prácticas de titulados en Concellos

Silleda, 12 de novembro de 2016.  O Concello de Silleda sumarase ao convenio de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para a organización de prácticas en Concellos e Deputacións de Galicia por parte de enxeñeiros/as en informática.

O alcalde silledense, Manuel Cuiña, levará á próxima Xunta de Goberno Local esta proposta para sumarse ao acordo e que o Concello de Silleda poida contar cun enxeñeiro para  a realización de prácticas formativas.

Segundo establece o citado convenio, poderán beneficiarse os enxeñeiros/as recén titulados e as prácticas realizaranse por un periodo máximo de seis meses.

Cuiña indica que ademais de contribuir á formación práctica dos titulados, con esta iniciativa o Concello de Silleda poderá contar cun profesional desta área para desenvolver traballos en distintos departamentos profesionais. O alcalde lembra tamén o peso da informática no día a día das entidades locais, sobre todo “neste momento logo da entrada en vigor o pasado mes de outubro da nova Lei de Procedementos Administrativos, na que a Administración Elctrónica que iremos implantando xoga un papel fundamental”, engade Cuiña.