O Concello de Silleda traballa na elaboración de varios proxectos para concorrer ás axudas do Programa Leader

Silleda, 16 de xaneiro de 2017.  O Concello de Silleda está xa a traballar na elaboración dos proxectos que se presentarán á convocatoria de axudas do Leader deste ano. Así mesmo, o alcalde, Manuel Cuiña, xunto cos concelleiros Pili Peón –representante do Concello no Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) e Klaus Brey, mantiveron hoxe un encontro de traballo para dar conta das propostas aos técnicos do GDR Terras de Pontevedra Norte.

No encontro coa xerente da entidade, Paula Suanzes e o técnico Ramiro Ruibal, os membros do goberno municipal de Silleda informaron da intención de presentar varios proxectos á convocatoria das axudas 2014-2020.

Un deles é a dotación dunha nova instalación deportiva, que se situaría no campo de fútbol de Outeiriño. O proxecto busca instalar unha zona interior de ximnasio para dar servizo aos usuarios/as da zona deportiva situada neste entorno.

Tamén se busca financiar a través do programa de axudas europeas a dotación da zona de aparcamento no entorno da Fervenza do río Toxa, na parroquia de Pazos, para completar así a primeira actuación realizada nesta parroquia.

O arranxo de zonas singurales nas parroquias ou a posible dotación de mobiliario para o edificio do Centro de Desenvolvemento Agrario son outras das propostas que se están a abordar dende o goberno.

“Nestes días comezaron xa a preparar as memorias valoradas destas propostas para decidir con cales concorremos neste ano”, indica Manuel Cuiña.

A convocatoria de axudas, tanto para promotores privados como Concellos e Asociacións foi publicada no DOG en días pasados.