O Concello de Silleda xa recibiu unha vintena de solicitudes para a bonificación do 95% no IBI de construccións agrogandeiras

Silleda, 11 de febreiro de 2017.  O Concello de Silleda tramita xa unha vintena de expedientes para a bonificación do 95 por cento no recibo do IBI das construcción relacionadas co sector agrogandeiro e forestal..

Os propietarios de granxas, estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo- deben acudir co recibo ao Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, para realizar a correspondente bonificación, recollida na ordenanza que entrou en vigor o primeiro de xaneiro. Alí deberán de presentar a documentación oportuna para acollerse a este desconto que posibilitou a proposta de Alcaldía aprobada inicialmente no Pleno de maio de 2016. O prazo para formalizar as solicitudes remata o vindeiro 31 de marzo.

Coa modificación da normativa municipal recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego.

Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, que marca como prazo ata o ano 2016 para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.

A consecuencia disto, as instalacións agrarias inclúense agora no Imposto de Bens e Inmobles, co cal pasarán a pagar a cota correspondente.

Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “tamén axudamos a un sector que agora se ve afectado por esta revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando”, engade.  “Dado o peso que o sector agrícola e gandeiro ten neste concello, como base da nosa economía produtiva, e considerando a grande crise que está a sufrir o sector, engadirlle o pago deste imposto sería un novo varapau” – explica o alcalde, Manuel Cuíña.