O Concello e a Anpa do CEIP de Silleda promoven unha xincana turística sobre o municipio

Silleda,  5 de febreiro de  2016.  A Concellería de Turismo, que dirixe Ana Luisa González, en colaboración ca Anpa do CEIP de Silleda, promove  unha xincana sobre a historia e a paisaxe local que será presentada nos vindeiros días.

Baixo o título “¿Canto coñeces de Silleda?” dende a Concellería de Turismo búscase dar a coñecer “aos veciños e veciñas de Silleda distintos aspectos dos nosos enclaves turísticos, implicando ás familias, a través desta xinmcana para os escolares do CEIP de Silleda nesta fermosa iniciativa”, sinala Ana Luisa González.

A concelleira mantivo hoxe un encontro con membros da directiva da Anpa e técnicos municipais para perfilar detalles desta xincana, que se celebrará o vindeiro mes de marzo, durante a Semana Santa.

A concelleira explica que esta proba xurdeu a raíz das propostas da Anpa ao Concello, á vista de que este centro educativo non conta con actividades extraescolares.

“Consideramos que dende o punto de vista da difusión e promoción dos nosos enclaves turísticos esta iniciativa pedagóxica supón unha fantástica oportunidade para implicar ás familias de Silleda nesta aventura que en breve daremos a coñecer públicamente”, explica a concelleira.

10 probas: paseo cronolóxico dende a Prehistoria ata hoxe

A xincana contará cun total de 10 probas, con cadansúa pista situadas en diferentes enclaves turísticos e preguntas que os participantes deberán de ir resolvendo.

A participación pode ser individual ou en grupos. Haberá premios para os que antes resolvan os enigmas plantexados neste percorrido cronolóxico pola historia de Silleda, dende o Neolítico ata a actualidade.

Nos vindeiros días daránse a coñecer os detalles deste certame que tamén se pretende abrir, de cara á época estival, “a todos os escolares do municipio silledense, xa que cremos que é unha fórmula de estimular o interese da poboación máis nova polos nosos recursos e historia e ao mesmo tempo de implicar á poboación silledense ”, di a concelleira, engadindo “que non só se trata de que nos veñan coñecer os de fóra, senon tamén que os veciños de aquí valoremos e disfrutemos o que temos”, engade.