O Concello estrea servizo de recollida de neumáticos e recupera o de plásticos agrícolas porta a porta

 

Silleda, 18 xaneiro de 2013. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar unha proposta da Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, con destacadas vantaxes no ámbito da recollida e xestión de residuos. Esta iniciativa chega logo das negociacións coa  empresa Secope S.A., que se encarga do transporte dos residuos depositados no Punto Limpo do municipio.

O acordo alcanzado supón recuperar servizos coma a recollida porta a porta de plásticos agrícolas no rural, sen custe para as arcas municipais, e incorporar outros novos coma a recollida de neumáticos para os gandeiros.

No caso da recollida de plásticos agrícolas habería un servizo xeralizado ao ano para todas as parroquias e logo estableceríase outro de un ou dous días ao mes, en función dos avisos recibidos, sen custes para o Concello.   

Antonio Couso explica que, no caso dos plásticos agrícolas,  o Concello de Silleda está adherido ao programa da Xunta, “pero este non contempla a recollida polas parroquias, que no ano 2011, supuxo un gasto para o Concello de 8.920,8 euros, ao ter que asumir os gastos do transporte, coa recollida en total de 101,7 toneladas de plásticos”.

Con este novo acordó a recollida pasaría a realizarse un ou dous días ao mes, tendo en conta sempre o volumen de avisos que se vaian recollendo no Concello, para evitar a acumulación de residuos.

Ademais deste servizo, sen custe para o Concello, o acordo alcanzado con Secope, dentro da revisión de contratos para aforrar custes, inclue outro novidoso, como é a recollida de neumáticos para gandeiros. Neste caso, os propios particulares tería que asumir o custe, pero só o  da reciclaxe (xa que o transporte é gratis).  Sería de 1,30 euros/ por unidade, para rodas de turismos; 2,10 euros para os de furgoneta; e 7,25 euros por cada roda de camión ou tractor. “Pese a isto, é un servizo interesante, xa que no punto limpo non se poden depositar neumáticos, un tipo de residuo moi lesivo para o medio ambiente que precisa dunha xestión axeitada”, engade Couso.

Tarefas medioambientais e rebaixa do 30% no Punto Limpo

Ademais da vantaxosa recollida de pláticos e do novo servizo de retirada de neumáticos, a revisión do acordo con Secope inclúe outra propostas vantaxosas. Así, a empresa poñerá a disposición do Concello un camión grúa durante dous días ao ano para realizar os servizos medioambientais que designe o Concello. “Trátase dunha iniciativa moi interesante xa que coa axuda deste vehículo poderiamos retirar vertedoiros incontrolados ou realizar outros traballos coma a poda de árbores”, sinala Antonio Couso.

Do mesmo xeito, tamén se conseguiu na negociación que a empresa, que vén realizando nos últimos anos o transporte dos depósitos no Punto Limpo, faga unha rebaixa dun 30% no custe que debe abonar o Concello polo traslado dos residuos.

Secope tamén é a empresa encargada do servizo de recollida gratuita de papel/cartón para os comercios de Silleda e da Bandeira, que se realiza todos os venres, e que se manterá nas mesmas condicións.

 

Política de revisión de contratos

Estas melloras están enmarcadas na revisión dos contratos que vén realizando nos últimos meses o goberno municipal de Silleda, para lograr a reducción de custes e unha mellor optimización dos recursos. “Trátase dunha proposta coa que non só se melloran e amplian servizos á cidadanía, senon que ademais conseguimos un notable aforro para as arcas municipais e a posta en marcha de boas prácticas medioambientais”, remarca Antonio Couso.