O Concello informa de cortes e restriccións en varias rúas da vila de Silleda pola celebración das Festas de Verán

Silleda, 2 de xullo de 2019.  Con motivo da celebración das Festas de Verán a vindeira semana, dende o Concello de Silleda procederáse a colocar bandos informativos nas próximas horas sobre os cortes de rúas previstos .

Hoxe mesmo celebrouse no Concello unha reunión coa presenza de representantes do goberno municipal, o Inspector xefe da Policía Local e membros da Asociación O Lacón, para coordinar o operativo.

Na tarde do xoves día 11, co comezo dos festexos procederase a cortar a rúa Progreso (dende o cruce con Condes do Deza ata o cruce coa República Arxentina e Alonso Paz), así como os tramos adxacentes (Cartaxena, Alonso Ríos e rúa Castrelo).

Tamén o venres, xa pola mañá, se procederá a cortar a rúa Alonso Ríos  e pola tarde as de Progreso Cartaxena e Castrelo. Estes tramos tamén se cortarán o sábado para a celebración da verbena na praza Siñor Afranio, e o domingo para o festival de bandas de música.

A avenida do Parque será outro dos tramos que se pecharán ao tráfico o sábado (dende as 11:00) para a celebración de concerto e a verbena, e tamén o domingo pola mañá.  A parada de taxi será trasladada á rúa Trasdeza coa correspondente sinalización.

Así mesmo, na xornada do domingo pola tarde, tamén se pechará ao tráfico o tramo da rúa dos Castros de Toiriz para a instalación de xogos acuáticos infantís.

Todas as atraccións e postos quedarán instalados na rúa Pintor Colmeiro, que se pechará ao tráfico durante todos os festexos.

Dende o Concello, que organiza os festexos xunto coa Asociación Cultural O Lacón e a Banda de Música Municipal de Silleda, apélase á caloraboración da veciñanza para que todo se desenvolva con normalidade.

O programa das Festas de Verán de Silleda arrancará  o xoves  co tradicional chupinazo dende a Casa da Cultura (21:00 horas) e o Lacón Rock Stars e continuará  o venres con numerosoas actividades e concertos nunha xornada festiva protagonizada polo Lacón de Silleda. Os festexos continuarán ata o domingo con orquestras, actividades infantís, ou o XXI Festival de Bandas, entre outros.