O Concello inicia a firma de convenios de cesión de terreos de particulares para a Escola Municipal de Golf Rústico

Silleda, 4 de xuño de 2014. O Concello de Silleda vén de iniciar o proceso de firma de varios convenios de cesión para a dotación da Escola Municipal de Golf Rústico. Dende o goberno municipal, o alcalde Manuel Cuíña e o concelleiro de Deportes, Klaus Brey, agradecen o xesto destes propietarios que realizan a cesión de xeito desinteresado e en precario para uso deportivo, fundamentalmente para a citada escola.

Así, Cuíña asinou xa o acordo con José Ferreiro Lage, da empresa Femasi S.L., propietario dunha parcela na zona coñecida como Travesía Fonte do Campo, na rúa I. Nas vindeiras semanas está previsto continuar asinando convenios con outros propietarios de terreos, situados no entorno das rúas Carballeira do Chousiño e rúa I, e que albergarán instalacións coma o ring de entrenamento, cancha de prácticas e  Pitch and Putt.

“Grazas ao xesto destes propietarios, as persoas que práctican este deporte xa poden dispoñer dunha zona acondicionada e nunha céntrica situación”, sinala o concelleiro de Deportes, Klaus Brey.

Dende o departamento advírtese que no caso da cancha de prácticas, ademais de ser usada pola escola de golf,  estará aberta ao público en xeral para que as persoas da comarca e o entorno que practican este deporte poidan usalas tamén.

Así, estas novas dependencias sumaranse ao ring de formación e campo de minigolf, que están situados na rúa Pontevedra, xunto á Escola de Música, nun terreo tamén cedido polos propietarios.

A Escola Municipal de Golf Rústico creouse o pasado ano por un acordo unánime da Corporación, respaldando a petición dun grupo de veciños e veciñas.

Golf na Escola

Por outra banda, o programa de Golf na Escola, para fomentar este deporte entre a poboación máis nova, comezou xa a desenvolverse o pasado mes de abril, grazas ao acordo entre o Concello de Silleda a a Federación Española de Golf. “O programa estase levando a cabo con grande éxito, logo de formar aos profesores/as de Educación Física dos respectivos centros educativos”, sinala Klaus Brey.

Dende o goberno municipal reitérase o agradecemento a todos os particulares que están a ceder ao Concello de Silleda os seus terreos, tanto para instalacións deportivas, como neste caso, como para outras dotacións, como aparcamentos ou zona verdes.