O Concello inicia os trámites para licitar a obra de mellora do campo de fútbol da Bandeira

Silleda, 4 de xaneiro de 2017.  O Concello de Silleda iniciará na vindeira semana os trámites para a licitación das obras da primeira fase de remodelación do campo da fútbol da Bandeira, na Gandareira. Os traballos consistirán na dotación de herba sintética para o terreo de xogo.

Unha vez que por parte da Deputación de Pontevedra xa se aprobou definitivamente  a concesión de 438.778 euros de subvención ao abeiro do Plan de Investimentos en Equipamentos e Infraestruturas para Concellos de menos de 20.000 habitantes (PICEI) 2016, agora corresponde ao Concello de Silleda iniciar o proceso para sacar a concurso as obras.

A partir da vindeira semana iniciarase a redacción do proxecto de execución e comezarán a redactarse as bases para sacar a concurso as obras por procedemento aberto. Dende o goberno municipal o alcalde, Manuel Cuiña estima que este proceso poderá tardar sobre tres meses.

“Esperamos que as obras de dotación do campo de herba sintética comecen en primavera, dando solución así a estas instalacións deportivas, as únicas de fútbol no municipio de Silleda que aínda están en terra”, explica.

Esta actuación virá a mellorar as instalacións deportivas do municipio nas que se foron realizando distintas inversións nos últimos anos.