O Concello iniciou o proceso para a mellora de todo o viario de Área 33, con unha inversión de máis de 100.000 euros

Silleda, 13 de agosto de 2014. O Concello de Silleda iniciou xa o proceso para adxudicar as obras do proxecto denominado Mellora de Infraestruturas viarias no Parque Empresarial Área 33, con unha inversión de 115 345,20 euros.

Esta actuación foi solicitada dende o Concello de Silleda  a través da convocatoria de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, cofinanciadas polo fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER).

Así, dende a Consellería de Economía aportarase o 80% (92.276,32 euros) e a cantidade restante financiarase con fondos municipais.

O proxecto inclúe a mellora de todo o viario e tamén das beirarrúas do parque empresarial silledense. En total renovarase todo o tramo de beirarrúas (actuando sobre 4.600 metros) e o pavimento de todo o viario (4.100 metros).

A Xunta de Goberno Local, ademais de aprobar os pregos de condicións, acordouse solicitar oferta a un total de 6 empresas. Esperase que nas vindeiras semanas quede resolto o proceso para iniciar os traballos no menor prazo de tempo posible.

“Con esta actuación complétanse anteriores dotacións neste parque empresarial, logo de que o Concello se acollera a esta orde de axudas”, apunta o alcalde, Manuel Cuíña.

Así, no ano 2012 instalouse no recinto do parque un sistema de videovixiancia para mellorar as condicións de seguridade das empresas situadas no recinto empresarial. O pasado ano, levouse a cabo tamén un importante proxecto no plano enerxético coa instalación dun sistema de placas fotovoltáicas destinadas ao autoabastecemento do alumeado exterior no parque empresarial Área 33 de Silleda, con máis de 80.000 euros de inversión.

“Agardamos que os traballos poidan iniciarse o antes posible para levar a cabo esta importante actuación coa que continuamos mellorando as instalacións do parque empresarial”, sinala o rexedor.