O Concello investirá 50.000 euros na cuberta das pistas de pádel de O Castro

Silleda, 16 de agosto de 2014. O Concello de Silleda acometerá a dotación de cuberta nas pistas deportivas de pádel situadas en O Castro Este proxecto concorreu á convocatoria de axudas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, recollida nunha orde do pasado 1 de abril para a execución de infraestruturas de uso público, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Así, en días pasados este departamento autonómico deu o visto bo ao proxecto silledense, que ten un orzamento total de 49.999,62 euros. O importe da subvención concedida ascende a 37.499,72 euros, que corresponde ao 75% do custe total, financiándose a cantidade restante con fondos municipais.

“Con esta actuación melloramos considerablemente estas instalacións deportivas que veñen usando numerosas persoas, e que unha vez que conten coa cuberta poderán utilizarse durante máis xornadas, xa que ata o de agora as condicións climatolóxicas limitaban o usos destas canchas”, explica o alcalde, Manuel Cuíña.

Con esta actuación, as pistas para a práctica de pádel en O Castro contarán en breve con unha estructura de cobertura, que permitirá un maior aproveitamento destas instalacións, situadas a un kilómetro escaso do casco urbán de Silleda.

A estrutura prevista no proxecto abarca unha superficie de 900 metros cadrados, que con esta actuación “serían utilizables prácticamente durante todo o ano, co consecuente beneficio para os usuarios que se achegan ata estas instalacións”, engade Cuíña.

A edificación consiste nun  sistema estrutural portante básico que sosterá con seguridade a lámina que actuará como teito das pistas. Así colocarase unha estrutura metálica a base de perfilería laminada que permita a creación de pórticos para cubrir toda a superficie das dúas canchas. Tamén se realizará un sistema de saneamento e evacuación de pluviais.

Os piares de aceiro laminado sosterán a cuberta de chapa ondulada, con vertentes a dúas aguas en cada unha das pistas, e con unha bóveda de canón para o espacio intermedio entre as canchas.

Dende o goberno municipal silledense está previsto aprobar nos vindeiros días o prego de clásulas administrativas para licitar esta actuación por procedemento negociado sen publicidade, tal e como marca a orde autonómica, solicitando como mínimo tres ofertas.

O prazo de execución dos traballos é de un mes.

“Estas instalacións están a ser moi utilizadas, non só polos veciños e veciñas de Silleda senon tamén polos de outros municipios cercanos que se achegan ata as pistas de O Castro a prácticar deporte. Dende o Concello de Silleda, co ánimo de seguir avanzando na mellora das nosas infraestruturas públicas, e neste caso nas deportivas, apostamos por este proxecto para fomentar a práctica deportiva e mellorar o rendemento destas canchas, que ata o de agora só se podía usar durante apenas uns meses do ano polas inclemencias meteorolóxicas”, explica o alcalde.