O Concello organizará unha visita guiada a Sogama para asociacións e delegados parroquiais

Silleda, 5 de xuño de 2015. Hoxe con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente tivo lugar nas instalacións de Sogama unha xornada adicada á compostaxe doméstica e a súa aplicación na agricultura ecolóxica.

O concelleiro de Medio Ambiente de Silleda, Luis Rodríguez, asistiu xunto ao técnico do departamento a esta xornada, para coñecer de primeira man as vantaxes e características desta técnica de reciclaxe, que se busca implantar no municipio.

No marco desta iniciativa, en vindeiras datas organizarase unha visita guiada con sesión informativa ao complexo medioambiental de Cerceda, dirixida a membros de asociacións do municipio e delegados parroquiais, para coñecer de primeira man as vantaxes deste programa, entre outros.

“Ademais desta visita comezaremos xa a traballar nun programa de compostaxe doméstica, con formación por parte de técnicos de Sogama, e a dotación de composteiros”, indica Rodríguez, que destaca as vantaxes a nivel medioambiental desta reciclaxe nun municipio eminentemente rural coma Silleda.

Para elo seleccionarase unha parroquia na que se iniciará o proceso de forma experimental para ir ampliando a outras localidades.