O Concello pide a Medio Ambiente que autorice as esperas do xabarín para controlar os graves danos en cultivos

Silleda, 27 de agosto de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de remitir á Xefatura de Conservación da Natureza e tamén á Dirección Xeral deste departamento autonómico un escrito no que solicita a autorización de accións de caza para o control dos danos que está a provocar a incursión do xabarín en diversos puntos do termo municipal.

No escrito Cuiña lembra as queixas de veciños e agricultores afectados  polos danos desta especia, de xeito especial nas plantacións de millo, unha vez que nestas datas contan xa con espigas e volven ser apetecibles para estes animais.

“Consideramos que é preciso tomar medidas que alivien a presión sobre os cultivos, xa sexan de particulares ou de veciños e veciñas que viven da agricultura”, indica o alcalde.

Cuiña advirte que a Administración pode autorizar medidas de intervención ainda en época de veda do xabarín (a tempada comeza este fin de semana) , en réxime de batidas pero tamén de espera, “medidas que se poden autorizar cando a situación é grave ou as medidas previas non foran eficaces”, engade o rexedor.

Ata o de agora foron autorizándose medidas de dispersión con cans, “pero o problema segundo nos trasladan os afectados segue a persistir”, indica o alcalde, que reitera que os produtores de millo forraxeiro da zona “están a ver como os danos do xabarín se llevan a colleitas nun ano tamén complicado pola sequía”, advirte.

No escrito pídese ao departamento de Medio Ambiente que contacte co TECOR de Silleda para que ás batidas ordinarias de xabarín, que comezan mañá domingo, se poidan sumar accións de espera, e que as batidas se prolonguen durante o mes de setembro e a primeira quincena de outubro. “Pedimos que se comece autorizando as accións nas zonas de cultivo, para unha maior protección e prevención nas colleitas”, engade.

Ao longo das últimas semanas os danos provocados polo xabarín foron aumentando en diversos puntos, afectando a prácticamente todo o municipio, e con especial incidencia na zona sur (Laro, Parada, Refoxos…)