O Concello poñerá en marcha en decembro os obradoiros interxeneracionais do programa Tecendo Lazos

Silleda, 26 de novembro de 2016. O Concello de Silleda vén de sumarse ao programa provincial Tecendo Lazos, no que se desenvolvemen obradoiros interxeracionais, oportunidades e formas de creación de espazos para o encontro. Entre os obxectivos figuran a sensibilización, a promoción do apoio social, ou a aprendizaxe de valores encamiñados a producir entre as distintas xeracións lazos afectivos, cambios e beneficios individuais, familiares e comunitarios que permitan a construcción de sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

Con este tipo de iniciativas foméntase nas persoas maiores un envellecemento activo e nos máis novos melloranse as súas habilidades sociais e a empatía cara ao resto das xeracións.

“Pensamos que se trata dun programa beneficioso para ofrecer un espazo de intercambio interxeracional onde se realizarán distintas actividades”, indica a concelleira de Benestar Social, Pili Peón.

O obradoiro que se desenvolverá en Silleda leva por título “O noso son”, no que as persoas asistentes poderán compartir os bailes e cancións típicas da zona, unha interesante oportunidade para que os participantes se acheguen a estes valores culturais e patrimoniais.

Tamén se realizará un módulo titulado “A historia do meu concello”, con actividades enfocadas á recopilación de fotos, lendas, contos… do municipio silledense.

O obradoiro celebrase os días 20, 21, 23, 26,28 e 30 de decembro na Casa da Xuventude de Silleda.

Poderán participar persoas de todas as idades empadroadas en Silleda, podendo inscribirse de xeito conxunto persoas da mesma familia, e tamén de xeito individual. O obradoiro é gratuito e para participar é preciso inscribirse do 1 ao 16 de decembro na Casa da Xuventude ou no Concello de Silleda.

Este programa  chega a través do departamento de Xuventude e Cohesión Social da Deputación de Pontevedra.