O Concello retira a valla do edificio da rúa Progreso tras unha década de ocupación

Silleda, 22 de maio de 2017. O Concello de Silleda vén de retirar o valado de madeira do edificio inacabado que dende hai máis de dez anos ocupaba unha das beirarrúas do tramo de Progreso. A valla retirouse despois de que o Concello asumirá a construcción de tapias para pechar as dúas entradas a este inmoble que leva máis dunha década sen rematar.

Así, pechouse tanto a fachada da rúa Progreso, co que se retirou a valla, como a da rúa Morón, na parte traseira do edificio, despois de que un dos temporales derribara parte da fachada.

“Dende o Concello de Silleda decidimos asumir esta actuación á vista de que a entidade propietaria deste edificio embargado fixo caso omiso dos moitos requerimentos que se lle enviaron nos últimos anos, e unha vez caducada a licencia de ocupación da vía pública”, explica o alcalde Manuel Cuiña, retirando que se procedeu a actuar “por motivos de seguridade e para facilitar o tránsito peonil nesta céntrica rúa da vila de Silleda”, engade.

O responsable municipal de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitou esta mañá o entorno do edificio, onde os traballos se completarán nos vindeiros días coa dotación dun llano nas paredes e o correspondente pintado. Así mesmo, na parte traseira do inmoble, no acceso dende Morón, completarase o tramo de beirarrúas que falta.

“Era unha actuación moi demandada polos veciños, e despois de anos de espera por fin logramos  tapiar este edificio facilitando o tránsito dos peóns, mellorando a estética do entorno e evitando tamén o acceso a este inmoble, que podería provocar situacións de perigo”, remarca Cuiña.

Agora a beirarrúa deste céntrico tramo está xa totalmente despexada. “Con esta actuación dende o Concello seguimos a apostar por mellorar e garantir a seguridade nas nosas vilas en casos coma estes, onde moitas veces os litixios e a situación de embargo de inmobles dilatan as actuacións”, engade lembrando casos coma o edificio da Renque do Peixe na Bandeira.

“Con esta actuación, que se rematará nos vindeiros días, demos cumprimento a unha das peticións case xa históricas, polo tempo que a valla levaba ahí, dos veciños e veciñas da vila de Silleda”, remata Cuiña.