O Concello solicita ao Inega unha axuda para a substitución de luminarias e cadros no alumeado do rural

 

Silleda, 13 de abril de 2013. O Concello de Silleda vén de presentar un proxecto de axuda do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dentro da liña Estratexia de aforro e eficiencia enerxética. O proxecto busca a renovación da instalación de iluminación e de equipos en dúas zonas do rural de Silleda, en Cervaña e Camporrapado, na parroquia de Cortegada. En concreto, a iniciativa presentada pola Concellería de Obras e Servizos, que dirixe Manuel Cuíña, pasa por substituir en ámbolos dous puntos as luminarias de vapor de mercurio por outras de vapor de sodio de alta presión, de maior rendimento. O orzamento total do proxecto é de 39.700, 92 euros.

Dende o departamento municipal de Servizos, tamén se incluíu no proxecto o cambio de luminarias en dúas zonas urbanas: a rúa Pintor Colmeiro e a avenida da Estación, aínda que por mor do plan de aforro xa aplicado, o nivel de aforro previsto non acadaría a puntuación requerida na convocatoria do Inega.

Este proxecto, para o que se agarda a colaboración da entidade autonómica, inclúese dentro das medidas de eficiencia enerxética que vén poñendo en marcha a citada Concellería. Coa medida proposta lograríase un maior aforro no alumeado público destas zonas do rural, ademais dun maior rendemento das bombillas.

Nova quenda de encendidos

A reposición das luces, logo dos bos resultados do apagado e da substitución de contadores, continuará, como xa anunciou Cuíña en días pasados, nos puntos próximos a vivendas do rural que aínda sen estar habitadas, están en condicións de habitabilidade, ou nas que os veciños e veciñas gardan enseres de labranza ou animais. Nos últimos meses xa se procedeu á reposición de puntos de luz xunto a vivendas e establos. “O plan de aforro está dando moi bos resultados e agora queremos complementalo con proxectos de eficiencia enerxética coma este que presentamos ao Inega”, sinala Cuíña.