O Concello traballa no deseño dunha campaña de empadronamento ante a perda de poboación, e en consecuencia de fondos

Silleda, 10 de febreiro de 2016.  O goberno municipal de Silleda está comezando a traballar no deseño dunha campaña de empadronamento que se levaría a cabo nos vindeiros meses. Esta iniciativa xurde a raíz dos últimos datos do padrón remitidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) segundo os que o municipio perdeu preto de 200 habitantes no último ano, pasando dos 8.960 habitantes a algo máis de 8.700.

“Só con este descenso este ano teremos xa 80.000 euros menos de financiación directa, o que nos obrigará a retocar con toda seguridade o orzamento municipal”, alerta o alcalde, Manuel Cuiña.

O rexedor avanza que a campaña espera lanzarse nos vindeiros meses, “centrándonos sobre todo nas persoas que sabemos que residen en Silleda, algún dende hai anos, que disfrutan dos servizos e infraestruturas municipais pero que siguen empadroados noutros Concellos, algo que nos está a afectar, e moito, a todos os veciños e veciñas”, advirte.

Estanse a dar xa os primeiros pasos, con ideas e propostas para o deseño desta campaña coa que se pretende aumentar a lista do censo poboacional.

“Cremos que debemos de incidir na necesidade de concienciar a toda a cidadanía da importancia de estar empradroado onde se reside, todos e todas debemos de concienciarnos porque a situación afecta moi negativamente ao futuro do noso municipio”, engade o alcalde.

Cuiña advirte que “máis aló do crecemento vexetativo negativo que afecta a outras moitas poboacións galegas do interior, con falecementos que superan ao número de nacementos, temos que facer un traballo concienzudo entre todos para evitar que continúe esta sangría no padrón municipal”, engade.

“É importantísimo que a xente se conciencie sobre este tema, por iso apostamos por realizar esta campaña ao tempo que se continúan a realizar políticas que velen por mellorar servizos e a calidade de vida dos nosos cidadáns”, incide.

70 nacementos en 2015

En canto ao número de altas por nacementos, no ano 2015 rexistráronse en Silleda un total de 70  nenos e nenas, cifra lixeiramente inferior a do ano 2014, cando o número de nacementos se situou en 77. Estas cifras supoñen, en liñas xerais, un lixeiro repunte nos últimos anos. O número de nacementos en 2012 foi de 49, aumentando no ano 2013 ata os 56.

Dende o goberno municipal lémbrase que nos últimos anos se teñen posto ademais en marcha medidas  para fomentar o empadronamento e lograr aumentar a poboación.

 

Así, en distintas ordenanzas xa se estabrecen condicións para os usuarios en función de se están ou non empadroados no Concello de Silleda, nalgúns casos con bonificacións. Tal é o caso dos bonos familiares para o uso das piscinas municipais durante toda a época estival, e que só se venden a persoas que estén empadroadas en Silleda. Así, tamén no Servizo Lúdico Educativo aqueles nenos/as usuarios que non estén empadroados deberán de abonar o servizo completo, sen bonificación alguna nas taxas.