O Concello ultima o campo de fútbol de Laro para a súa reapertura este verán

Silleda, 8 de xuño de 2013. A Concellería de Deportes, que dirixe Klaus Brey, está a ultimar os traballos de acondicionamento no campo de fútbol de Laro, que se prevé reabrir este verán logo dos traballos de mellora, coa dotación de herba natural.

Os operarios municipais levan meses traballando na preparación do terreo de xogo de Agro Novo, que xa loce un aspecto renovado. Ademais desta importante actuación, similar á que realizou o ano pasado no campo de Lamela, tamén se están a realizar outras obras.

Así o concelleiro de Deportes explica que se procederá a pintar as paredes interiores do estadio e nas exteriores botarse un salpicado similar ao do campo do Lamela. Nestes días tamén se procede ao arranxo do portalón da entrada principal. Nesta última tamén tamén se nivelará o terreo e se lle botará unha capa de formigón. Tamén se pintarán e colocarán as porterías e se equipará o estadio con máis alumeado.

Outra das obras que se acometerá será a construcción dunha caseta para gardar o vehículo de cortar a herba e outros apeiros.

“O campo está quedando moi ben, despois de moito esforzo coa dotación de herba e a colocación das drenaxes e o sistema de riego”, apunta Klaus Brey, destacando o esforzo inversor dende o Concello de Silleda.

Estas melloras son froito do convenio asinado en setembro de 2012 entre o Concello e o C.F. Laro, un acordo similar ao que se firmou co Lamela,  e no que o clube se compromete a facerse cargo do mantemento e conservación das instalación unha vez realizadas as obras.

O Concello tamén asume os gastos de enerxía eléctrica.

“A colaboración co clube local está a ser moi boa”, engade o concelleiro de Deportes, sinalando que ésta será unha das claves do éxito de esta actuación. As previsións pasan por inaugurar o renovado estadio de Laro entre finais de xullo e principios de agosto.