O departamento de Obras e Servizos recibiu 99 reclamacións polo apagado de 960 puntos de luz

 

O departamento municipal de Obras e Servizos recibiu dende o mes de agosto, en que comezou a aplicarse o plan de aforro no alumeado,  99 reclamacións, polo apagado dun total de 960 puntos de luz nas parroquias do rural silledense. Segundo explicou o concelleiro Manuel Cuíña a petición propia no último pleno ordinario, o 50 por cento desas reclamacións están xa revisadas e respostadas de xeito individual, resolvendose de xeito favorable, coa reposición do servizo, algunhas delas. “Ademais das explicacións dos técnicos encargados de realizar o plan de aforro tamén recibiron unha carta miña explicando a resolución, que nalgúns casos foi favorable”, sinalou. Cuíña advertiu que tendo en conta o gran número de núcleos do rural e os máis de 3.000 puntos de luz cos que conta o municipio “é fácil que se cometera algún erro, pero neses casos xa foron subsanados”, explica.

O concelleiro advirte que a maioría das persoas que se achegaron ata o Concello para presentar as súas reclamacións e que recibiron as oportunas explicacións “entenderon as medidas adoptadas, salvo en dous casos contados”, engade.

Así mesmo, Cuíña adianta que en base á subida que veñen de aplicar as compañías eléctricas con carácter retroactivo nos últimos meses, “e que todos os cidadáns notamos nos nosos recibos”, estímase que se non se tiveran tomado medidas “a suba do custe en alumeado rural sería aproximadamente duns 9.000 euros no recibo”, engade. Ademais do apagado de farolas, Cuíña reitera que  o plan de aforro incluíu outras moitas medidas coma  axuste de potencia lumínica ao consumo real, ou a aplicación de tarifas de discriminación horaria que non se estaban aplicando.

Orzamento escaso á vista do incremento

Neste senso, Cuíña explica que se ben se aforraron nos primeiros meses uns 4.000 euros ao mes respecto ao mesmo período de 2011, no último recibo do alumeado público o incremento foi de 1.000 euros. “Como exemplo basta decir que en febreiro deste ano a factura foi de 70.000 euros e que se non puxeramos en marcha medidas de aforro o recibo podería dispararse, tendo en conta a suba que está prevista tamén para xaneiro, ata cerca dos 90.000 euros”.

Á vista do incremento previsto e o aplicado  nos últimos meses, o titular de Obras e Servizos considera que “o orzamento previsto para o alumeado vai quedar escaso pola excesiva subida da electricidade”, engade.

Reposicións con conexión a particulares

Por outra banda, Manuel Cuíña tamén deu conta de que varios veciños pediron permiso para conectar os puntos de luz coas súas vivendas e sobre todo establos. En concreto foron 20 os puntos de luz repostos por esta vía. “Esta é unha cuestión que haberá que explicar ben cando celebremos reunións que temos previsas nas parroquias, xa que non é unha cuestión discriminatoria, porque foron os propios veciños que, ao ter preto da casa ou establo puntos de luz que foran apagados, solicitaron conectalos á súa propiedade”, sinala.

Noutros municipios  que non teñen plan de axuste

“A Administración Autonómica e o goberno do Estado están aplicando recortes por todos os lados. No caso dos Concellos prestamos poucos servizos, pero de primeira necesidade, como é o caso do alumeado público” sentencia o concelleiro, advertindo que a medida “non é prato de bo gusto para ningúen”.

Do mesmo xeito, Cuíña lembrou que outros municipios próximos como Lalín ou Vila de Cruces tamén aplican a eliminación de puntos de luz, “pese a que estes Concellos non tiveron que facer Plan de Axuste, coma no caso de Silleda”.