O festival Azaloira volta o 18 de maio con unha edición especial na que participan 20 grupos

Silleda, 3 de maio de 2014. A agrupación Fortín da Pomba da Bandeira vén de presentar a décimo cuarta edición do Festival de Baile tradicional Azaloira, unha cita que volta o vindeiro domingo día 18 de maio cun formato especial, con apartado infantil e xuvenil.

O certame reunirá a un total de 20 grupos (con unha actuación por cada un deles), un número insólito neste tipo de eventos que bate o récord de participación na cita da Bandeira.

“Deste xeito queremos agradecer ás grandes agrupacións que pasaron por aquí e que contan con escola propia que tiveran participado nun concurso que hoxe é xa coñecido en toda Galicia”, sinala a presidenta de Fortín da Pomba, Josefa Ferreiro. Os 20 grupos, pertencentes a unha decena de agrupacións galegas, están divididos en dúas categorías: A (de 8 a 12 anos) e B (de 12 a 16), participando dez en cada unha delas.

Na categoría infantil estarán presentes Donairiño (da Asociación Cultural Donaire da Coruña); Cantigas e Agarimos; Sociedade Liceo de Noia; Os Xeitosos de Trazo; a Asociación Cultural Seixebra, de Moraña; Tarabeliños (Asociación Cultural Donaire); O Muíño da Retorta (Centro Cultural A Ponte Vella, de Teo); Sete Ferreñas (Vai de Roda, Rianxo); Os Remuíños, da Asociación Cultural Mar de Arousa (Vilagarcía) e Pícaros, tamén de Donaire.

Na sección xuvenil (B) concursarán Náñaras (da Asociación Cultural Saíñas de Xove, Lugo); Tahumiños, da agrapación Tahúme, de Ribeira; A Burga (A Ponte Vella de Teo); Cantigas e Agarimos; Fungueirazos (AC Donaire da Coruña); Os Xeitosos de Trazo; A Sociedade Liceo de Noia, Mar de Arousa; Nove Ferreña (Rianxo) e a Asociación Cultural Seixebra.

A cita comezará ás 18.00 horas no auditorio municipal Manuel Dopazo da Bandeira.

“Contamos cos grupos máis representativos do baile tradicional en Galicia”, explica Josefa Ferreiro, que indica que mesmo algúns quedaron fóra por falta de espacio. O cartel do XIV Azaloira xuntará pois á canteira das agrupacións con máis renome no ámbito do baile tradicional galego, que xa teñen pasado pola Bandeira, así como con grupos que se estrean neste escenario.

“A Bandeira é berce de folclore, e cremos que se debe de potenciar, por iso e para agradecerlles a súa asistencia ao longo destes catorce anos decidimos facer esta edición especial”, comenta a presidenta de Fortín, grupo que só participará a modo de exhibición.

O certame establece tres premios en ámbalas dúas categorías. Así, na infantil haberá un primeiro premio dotado con 400 euros e trofeo (outorgado polo Concello de Silleda); un segundo con 250 euros donado por empresarios da Bandeira e trofeo do Concello; e un terceiro de 150 euros, que aporta Fortín, e trofeo tamén do Concello de Silleda.

Na categoría xuvenil, o primeiro premio é de 500 euros, tamén aportados polo Concello de Silleda, un segundo de 300 (dos empresarios locais) e un terceiro de 150, que outorga Fortín, ademais de trofeos donados polo Concello para estes tres clasificados.

Josefa Ferreiro agradece o apoio dos establecementos colaboradores e do Concello de Silleda, “que fan posible que sigamos realizando este festival”.

Dende a Concellería de Cultura, Margarita Campos, eloxia o traballo realizado por Fortín da Pomba, “que ven a reforzar a sona que ten Bandeira no ámbito tradicional, tal e como se demostra ano tras ano cun plantel de calidade no cartel do Azaloira”, engade. Así mesmo, destaca que esta edición especial aposta por potenciar a canteira das agrupacións “as novas xeracións que seguirán a transmitir os valores de toda unha tradición na nosa terra”, engade. Margarita Campos tamén aludiu na presentación do cartel ao esforzo “que supón organizar un festival que batirá todo un récord de participación”, engade.