O goberno municipal aproba o proxecto de reforma do campo de fútbol de Outeiriño

Silleda, 24 de  febreiro de 2017.  O executivo municipal de Silleda aprobou na última sesión da Xunta de Goberno Local o proxecto de reforma do campo de fútbol de Outeiriño en Silleda. Con esta actuación remodelarase o terreo de xogo, con campo de herba artificial instalado no ano 2006 e que na actualidade sufre un gran deterioro.

Tal e como xa se anunciara e como figura no orzamento municipal para este exercicio 2017 no campo de Outeiriño plantéxase a renovación do céspede artificial e o reforzo do muro existente. A inversión total ascende a 220.000 euros.

Segundo figura no proxecto que vén de ser aprobado polo goberno e que se licitará nas vindeiras semanas, o traballos a executar serán a extracción de césped e o suministro e instalación do novo terreo con sistema homologado FIFA Quality Pro. O proxecto inclue o mantemento deste campo de herba artificial durante alomenos un ano  coa execución de traballos de limpeza, descompactación do caucho, cepillado de fibras,  a limpeza de canaletas, ou a revisión de mantemento de rego.

Esta actuación é unha das inversións que se acometerá por parte do Concello neste ano, con cargo aos fondos que lle corresponden do Plan Concellos de Deputación de Pontevedra.

A  renovación do céspede de Outeiriño sumarase á remodelación integral do Campo de Fútbol da Gandareira, unha actuación aprobada xa o pasado ano mediante convenio coa Deputación, que concedeu 438.778 euros para esta obra.

Nas vindeiras semanas procederase a licitar esta actuación na Gandareira , que inclue a dotación de herba sintética nun terreo de xogo ata agora en terra. “Esperamos que as obras de dotación do campo de herba sintética comecen en primavera, dando solución así a estas instalacións deportivas, as únicas de fútbol no municipio de Silleda que aínda están en terra. Con esta e coa mellora no Outeiriño onde o campo está moi deteriorado continuaremos mellorando as nosas infraestruturas deportivas”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Estes dous campos de fútbol súmanse aos outros dous de herba natural en Lamela e Laro dotados polo Concello de Silleda na anterior lexislatura.

“Seremos un municipio punteiro en infraestruturas para a práctica do fútbol”, explica o rexedor.