O goberno municipal leva a Pleno os pregos da concesión administrativa para a construción e xestión do Centro de Día Residencial

Silleda,  18 de novembro de  2016.  O goberno municipal de Silleda levará ao pleno ordinario do vindeiro xoves día 24 o Prego de clausulas técnicas, xurídicas e económico-administrativas para a construcción e xestión da futura Residencia da Terceira Idade e Centro de Día.

Así mesmo, na orde do día figura tamén a aprobación do proxecto construtivo para a edificación, realizado polos silledenses Martín e David Pereiras Corzón. O importe total do proxecto construtivo ascende a 1.746.900,49 euros.

Esta actuación, unha das máis ambiciosas e prioritarias para o goberno municipal, realizarase mediante a chamada fórmula legal da concesión demanial, ligando a construcción da residencia a súa futura xestión.

“Estudiamos con detemento todas as fórmulas posibles e chegamos á conclusión de que esta é a mellor “, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Así, o rexedor advirte que “o Concello de Silleda non terá que facer ningún desembolso económico e ademais as prazas terán menor custe para os usuarios”, apunta.

 

A concesión administrativa que finalmente se leva a Pleno aumenta ademais o número de prazas respecto ás previstas inicialmente. Así, en lugar das 20 que se proxectaron nun principio para a residencia serán 55 prazas en total : 40 de Residencia e outras 15 de Centro de Día.

A residencia construirase na parcela municipal situada preto do recinto feiral, cunha superficie de 8.251,40 metros cadrados. Este terreo, valorado en 247.542 euros, pasou a converterse en municipal logo do histórico acordo de compensación de débedas entre o Concello e a Fundación Semana Verde.

Nos pregos recóllese que a concesión demanial do terreos será por un periodo de 75 anos. A firma que resulte adxudicataria esixelle a construcción e posterior xestión do centro –sen que poidan separarse ámbalas dúas facetas- invertindo en torno a 2 millóns de euros na construcción, ademais de contratar o persoal e xestionar o servizo durante a concesión.

Modificación de crédito

O Concello de Silleda tiña reservada nos orzamentos municipais deste ano unha partida de 450.000 euros para o proxecto do Centro de Día Residencial. Coa decisión de executar a obra mediante concesión demanial realizarase unha modificación de crédito por esta cantidade.

Cuiña remarca que a actuación non terá custe para os veciños e veciñas de Silleda, que as prazas serán máis baratas e ademais o centro seguirá sendo municipal. “ A nosa obriga é velar por ofrecer un maior número de servizos ao menor custe posible para os cidadáns”, engade.

A dotación dunha residencia para maiores con Centro de Día é unha das maiores demandas de Silleda dos últimos anos, cunha poboación altamente envellecida, ao igual que moitos municipios do interior de Galicia.

En funcionamento nesta lexislatura

Cuiña tamén advirte que con esta fórmula se cumprirán os prazos previstos de ter en funcionamento a Residencia nesta lexislatura. Así, indica que os pregos da concesión fixan un máximo de 1 ano e medio para ter o centro en funcionamento dende a adxudicación da concesión. Estímase que o proceso previo do concurso público levará uns seis meses. “Deste xeito, en dous anos teremos a residencia en funcionamento, co que estará lista nesta lexislatura, tal e como marcamos o noso obxectivo con esta importante e necesaria actuación”, indica o alcalde.

A comisión informativa previa ao pleno celebrarase o vindeiro martes día 22, ás 09:00 horas.