O goberno municipal leva a pleno unha modificación de crédito para construir o viveiro de empresas en Área 33

Silleda,  24 de abril de 2019.  A Corporación Municipal de Silleda celebrará o vindeiro luns día 29 un pleno de carácter extraordinario (ás 13:00 horas). Na orde do día da sesión, ademais do sorteo para os e as integrantes das Mesas Electorais dos comicios do vindeiro 26 de maio, tamén figura o expediente de modificación de crédito, por importe de 180.635 euros.

Esta operación, que se realiza con cargo ao remanente municipal, posibilitará o pago da taxa imposta polo Consorcio de Benestar, para gastos da Escola Infantil A Galiña Azul (71.550 euros), e tamén sufragar os gastos que corresponden ao Concello de Silleda para construir o Viveiro de Empresas no polígono Área 33.

Así, o Concello de Silleda aportará 109.000 euros para esta obra, cofinancida pola Xunta de Galicia que outorgou este mesmo mes unha subvención de 240.000 euros para realizar este proxecto.

“Dado que os prazos son axustados e a obra do viveiro ten que estar certificada a finais de outubro, levamos a pleno esta modificación orzamentaria para realizar a aportación municipal a esta nova dotación. Unha vez aprobada iniciarase o procedemento de licitación dos traballos”, indica o alcalde Manuel Cuiña.

O Concello de Silleda é o único da provincia de Pontevedra que resultou beneficiario por parte da Consellería de Economía, Empego e Industria con este servizo na última convocatoria das axudas.

O proxecto presentado polo Concello de Silleda conta cun edificio na parcela municipal situada xunto á rotonda do parque, que se levantará, -como xa se avanzou no seu día- integrándose coa actual nave municipal sita nesta parcela. Este novo edificio servirá como sede para novas empresas tecnolóxicas ou de servizos, permitindo a persoas emprendedoras a posibilidade de contar cun espazo de traballo.

Do mesmo xeito, tamén se plantexa como lugar de encontro e reunión entre distintos profesionais.

O novo edificio proxéctase cunha estrutura de planta baixa, en forma de “L”, e adxacente á nave que xa existe na parcela municipal, xunto á rotonda do parque empresarial.

O deseño permitiría incluso unha futura ampliación cunha nova planta nunha seguinte fase.

O proxecto contempla espazos como unha cafetería, vinculada ao acceso principal, despachos para as empresas, salón de actos, e aseos accesibles.

O orzamento total do proxecto é de 349.085 euros.