O goberno municipal pon en marcha un procedemento para evitar que as familias afectadas por desafiuzamento paguen o imposto de Plusvalía

Silleda, 18 de xuño de 2013. O executivo municipal de Silleda vén de aprobar en Xunta de Goberno Local un acordo que beneficiará ás familias afectadas por situacións de desafiuzamento.

En concreto, a medida supón a posta en marcha dun mecanismo compensatorio para que as familias que perderon a súa vivenda non teñan pagar o imposto municipal de Plusvalía. “Non é ético cobrarlles como se venderan a súa casa, cando en realidade foi subastada”, dí a alcaldesa e responsable municipal de Facenda, Paula Fernández Pena, sobre o imposto que se aplica ás transmisións de propiedade de inmobles.

“Aínda por riba de perder a súa vivenda, non é normal que sexan as familias afectadas as que teñan que asumir o pago do imposto”, engade Fernández Pena.

O acordo tradúcese na posta en marcha de axudas de emerxencia, polo mesmo importe que a plusvalía fixada, sen necesidade de que exista un intercambio monetario. A efectos prácticos, e para salvar posibles impedimentos legais, trátase dunha fórmula de compensación.

“Con esta medida evitaremos que lle sigan causando máis perxuizos ás persoas que aínda por riba de perder a súa vivenda as queren obrigar a asumir esa carga”, di a alcaldesa, Paula Fernández Pena.

A rexedora considera ademais que sería “moi hipócrita” estar asesorando a familias e contar cun programa de axuda ás familias afectadas por desafiuzamentos que aprobamos no pleno o pasado mes de setembro “e por outro lado cobrarlles este imposto”.

Catro familias desafiuzadas en 2010

No municipio de Silleda hai a día de hoxe 4 casos de familias que poderían beneficiarse da posta en marcha deste mecanismo, e que non terían que abonar o imposto da Plusvalía.

Trátase de veciños e veciñas que perderon a súa vivienda, logo subastadas por entidades bancarias. Dúas familias viven fóra do municipio a día de hoxe, unha terceira marchou e agora voltou a Silleda e outra reside no termo municipal.

Con esta iniciativa vense a completar o programa posto en marcha dende o goberno municipal socialista hai varios meses para asesorar e axudar ás familias que están en risco de perder a súa vivenda en casos de execución hipotecaria ou desafiuzamentos por aluguer.