O II Torneo Solidario da Fundación Amigos de Galicia recaudou 820,20 euros

Silleda, 29 de agosto de 2016.  O torneo de fútbol solidario organizado pola  Fundación Amigos de Galicia e que se celebrou o pasado domingo no campo de Mularedos, en Lamela recaudou un total de 820,20 euros. Estes fondos, ao igual que aconteceu na primeira edición, destinaranse á compra de material escolar para nenos e nenas das familias con menos recursos do municipio de Silleda.

Dende a Fundación, que preside o empresario silledense Miguel Villar, agradécese a colaboración dos asistentes e dos catro clubes de fútbol que participaron nesta segunda edición do cuadrangular.

O conxunto anfitrión, o CF Lamela, foi o gañador do torneo, logo de imponerse na final ao C.F. Laro. O terceiro posto foi para a S.D. Bandeira e a S.D Silleda quedou en cuarto posto.

Na entrega de premios participaron o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña e a concelleira de Deportes, Ana Luisa González, que agradecen igualmente a axuda que está a prestar Amigos de Galicia ás políticas sociais do Concello.

Esta entidade asinou en 2014 un convenio de colaboración co Concello de Silleda, en virtude do cal se están a atender as necesidades básicas dunha vintena de familias do municipio.