O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui arranca o vindeiro día 29 con Talía Teatro

Silleda, 20 de abril de 2017.  O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui volta a Silleda con tres citas na axenda para as vindeiras semanas na que será xa a quinta edición do certame. A presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, e o alcalde, Manuel Cuiña, presentaron hoxe xunto con Pablo Romeo, responsable da entidade no Deza, Javier Alves, membro da entidade  e as concelleiras de Benestar Social e Cultura, Pilar Peón e Ana Luisa González, o programa desta quinta edición que arrancará na vila da Bandeira o vindeiro sábado día 29.  O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, organizado por Sogaps en colaboración co Concello de Silleda ten como obxectivo recadar fondos para financiar o programa Vacacións en Paz.

Esta primeira actuación chega da man de Talía Teatro coa obra “Bicos con língua”  o día 29 ás 21:00 horas no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira. Artur Trillo e Toño Casais poñen en escea este espectáculo en clave de comida no que a través de diversas situacións cotiás se invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. O prezo das entradas é de 5 euros.

O V Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui continuará o 14 de maio, coa representación da obra “Baixo a lúa do deserto” a cargo do grupo de Teatro Infantil Esceario Público, de Silleda. Baixo a dirección de Cristina Collazo os cativos represetarán esta obra o domingo 14 de maio ás 12:00 horas na Casa da Xuventude de Silleda. O donativo neste caso é de 3 euros.

Por último o mércores 17 de maio haberá unha andaina solidaria dende Silleda ata o Mosteiro de Carboeiro. Pablo Romeo explicou que a salida será ás 09:30 horas dende a Casa da Cultura de Silleda. A ruta, de 13 kilómetros de distancia e de dificultade baixa, discorrerá pola antiga estación de ferrocarril de O Castro, Saídres e o monte de Carboeiro de Francia, ata chegar ata o mosteiro románico. O prezo da inscrición é de 5 euros. Haberá avituallamento para os participantes que poderán visitar ademais o mosteiro románico.

Para anotarse nesta actividade, coa que tamén colabora ademais do Concello a empresa Autocares Rías Baixas, as persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura de Silleda, na Casa da Xuventude ou no Café Bar Pukará, ou ben a través do mail pabloromeo.sogaps@gmail.com.

Renovación do convenio

Por outra banda, hoxe mesmo Manuel Cuiña e Maite Isla renovaron o convenio de colaboración entre Sogaps e o Concello de Silleda co fin de regular o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz 2017 durante os dous meses de verán, no que 5 nenos e nenas  do pobo saharaui estarán no municipio de Silleda.

Este convenio ten coma obxectivos principais garantir os dereitos e necesidades fundamentais dos rapaces e rapazas que visiten o municipio trasdezá dentro deste programa,  así coma asegurar a súa integridade física e emocional, respectar as súas crenzas, favorecer a integración no seu medio durante a estadía no país, respectar o marco legal dos dereitos dos menores e garantir o regreso ao seu país coas súas familias.

Mediante a firma deste convenio, o Concello de Silleda responsabilizarase da difusión do programa, entre outras cuestións. Tamén se fará cargo dunha parte do financiamento dos billetes dos nenos ( neste caso ca aportación de 1.000€), así coma da recepción dos nenos, a entrega ás familias acolledoras e a despedida dos mesmos unha vez que finalice a súa estadía no concello.

O alcalde, Manuel Cuiña sinala “para Silleda é un orgullo continuar colaborando con esta iniciativa” e destaca o aumento de familias acolleradoras en Silleda. “Pasar de 2 a 5 este ano é un pequeno gran paso na colaboración que vimos mantendo con Sogaps”, indicou o rexedor que anima aos veciños e veciñas de Silleda a participar no Mes Cultural para colaborar tamén coa causa.

Pola súa banda a presidenta da asociación, Maite Isla, agradeceu ao Concello de Silleda a súa colaboración co programa Vacacións en Paz, que tantos beneficios reporta aos nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados do Sáhara. “Con esta iniciativa os nenos e nenas saharauis, de entre 8 e 12 anos, poden disfrutar de dous meses de vacacións en Galicia con familias de acollida afastados das duras condicións de vida no deserto”, engade.