O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui volta a Silleda con teatro, música e unha andaina solidaria

Silleda, 24 de marzo de 2018.  O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui volta a Silleda con cinco citas na axenda para as vindeiras semanas,  na que será xa a sexta edición do certame. Organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps)  en colaboración co Concello de Silleda, esta programación –na que volven figurar música, teatro e outras actividades como unha andaina-  ten como obxectivo recadar fondos para financiar o programa Vacacións en Paz.

A primeira cita terá lugar o vindeiro domingo 8 de abril no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira ca representación da obra colectiva “Non máis muros”, protagonizada polos nenos e nenas do grupo Máis aló do Ulla. Baixo a dirección da actriz Cristina Collazo alumnos da Bandeira, Silleda, Vedra e O Foxo poñerán en escea esta orixinal proposta coa educación como protagonista. A cita será ás 18:30 horas, con entradas a 2 euros.

O domingo 22 de abril chega o espectáculo que encabeza o cartel deste ano, coa nova obra de Mofa e Befa: “Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira”. Victor Mosqueira e Josito Porto poñerán en escea esta exitosa e filosófica aposta de Producións Excéntricas, que se esctreou con varios cheos absolutos en xaneiro en Compostela. A cita con estes dous cranios privilexiados da escea galega será o domingo 22  de abril no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira ás 19:00 horas. As entradas para este espectáculo, para maiores de 13 anos, custan 5 euros.

A música non faltará neste VI Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui. Será o 29 de abril ca 25 edición do Festas de Bandas de Música de Silleda. Celebrarase no auditorio da Semana Verde, ás 17:30 horas, coa colaboración da banda anfitriona, a Municipal de Música de Silleda. Durante a cita, na que os asistentes poderán facer o seu donativo voluntario, proxectarase un vídeo sobre a situación dos campamentos de refuxiados do Sáhara.

En maio o cartel retómase o venres día 4 con outro rostro coñecido do humor en Galicia. O actor Marcos Pereiro chega a Silleda co seu monólogo “Armarios Empotrados”. A cita, con entradas a 5 euros, será na Casa da Cultura de Silleda ás 21:00 horas.

Xa para rematar, e ao igual que na edición anterior, dende Sogaps  proponse outra andaina solidaria, desta volta pola contorna da vila de Silleda. Terá lugar o domingo 20 de maio con donativos a 5 euros. Nos vindeiros días informarase sobre a inscrición neste percorrido.

O responsable da entidade no Deza, Pablo Romeo, agradece “tanto ao Concello de Silleda coma as entidades colaboradoras e a toda a xente que vén asistindo a esta programación a súa aportación á causa”, e destaca a importancia do programa Vacacións en Paz, “polas posibilidades que ofrece a moitos nenos e nenas saharauis de entre 8 e 12 anos de idade que ademais de alonxarse das duras condicións de vida do deserto durante o verán, tamén reciben revisións médicas durante a súa estadía a través desta iniciativa”, engade. 

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña sinala “para Silleda é un orgullo continuar colaborando con este programa que volve contar con referentes de primeiro nivel”, e anima ao público a participar nas actividades do Mes Cultural.

Así mesmo, Cuiña avanza que o Concello de Silleda volverá a asinar este ano o convenio con Sogaps para realizar, ao igual que en anos anteriores, unha aportación económica para levar a cabo Vacacións en Paz, un programa no que participarán de novo este verán 5 familias silledenses.