O prazo para participar no programa Silleda 10 remata o venres día 8

 

Silleda, 4 de febreiro de 2013. O programa municipal Silleda 10 levarase a cabo finalmente entre os días 14 e 23 de marzo. Estas datas foron as que recibiron máis votos por parte dos comerciantes consultados na pasada semana.

A día de hoxe, na Concellería de Comercio e Industria hai xa  preto de 40 solicitudes rexistradas, de establecementos moi diversos do sector comercio, da hostalería e do turismo rural. “Estamos moi satisfeitos coa resposta, pero esperamos que se sigan sumando máis comercios para participar nesta iniciativa”, sinala o concelleiro de Comercio, Klaus Brey.

Así, e de cara a últimar a organización do evento e a campaña publicitaria, o prazo para participar rematará o vindeiro venres día 8. Todos aqueles que desexen sumarse deben de cubrir un formulario que está dispoñible no Concello e tamén se pode descargar na páxina web, que xa dispón dun banner específico no inicio sobre Silleda 10,  un programa municipal para dinamizar e promocionar o comercio local silledense.

Xogando co número 10, símbolo de calidade, farase unha campaña novidosa e con distintos atractivos para captar a público e potenciais clientes. Durante 10 días os establecementos participantes ofrecerán descontos 10 en produtos 10. O décimo día a campaña rematará coa venda na rúa. “A calidade dos produtos ofertados é unha das máximas desta iniciativa que rematará cunha xornada na rúa que non vén a ser unha feira de saldos”, aclara o concelleiro.

Así mesmo, tal e como xa se explicara tratouse de facer coincidir o remate nun día 6 ou 23 (como é finalmente o caso), datas de celebración dos tradicionais mercados da vila de Silleda, co que tamén se pretende comezar a recuperar estas citas.

Entre os participantes hai tamén algún comerciantes e hostaleiros que xa se ofreceron para colaborar na organización do evento e aos que dende o goberno local se lles agradece o xesto. “Se alguén máis está interesado en participar activamente na organización tamén pode informarnos ata o vindeiro venres”, engade Klaus Brey

Mesa Local do Comercio

Por outra banda o vindeiro xoves día 7 celebrarase unha nova sesión da  Mesa Local do Comercio, integrada por representantes da Administración Autonómica, do Concello, da Federación do Comercio, e de Ecos (Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda), que abordará distintas cuestións relacionadas con esta actividade.

Silleda 10 é unha iniciativa pioneira en Galicia que pretende convertirse nun revulsivo da economía local e ter continuidade no tempo. A campaña desenvolverase nos 9 primeiros días nos propios comercios, que non teñen que asumir custes, e rematará coa venda na rúa.

En principio está previsto que a última xornada se celebre na rúa Cartaxena, un dos espazos urbanos máis comerciais da vila de Silleda que foi reformada e humanizada o pasado ano.

Nos vindeiros días, unha vez esté pechada a inscrición, tamén terá lugar a presentación pública da campaña.