O prazo para solicitar o 95% da bonificación do IBI agrario ábrese de novo en xaneiro

Silleda, 30 de decembro de 2017.  O vindeiro  mes de xaneiro abrirase de novo o prazo para solicitar a  bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobiles (IBI) para as explotacións agrogandeiras acordada polo Concello de Silleda. A modificación da ordenanza que regula esta bonificación aprobouse en pleno en maio de 2016, entrando en vigor a medida en xaneiro deste ano. A normativa establecese que esta medida debe aplicarse con carácter rogado, o que significa que os propietarios deben de solicitar esta bonificación. As solicitudes poden presentarse ata o 31 de marzo.

En 2017 tramitáronse un total de 280 solicitudes.

Os propietarios de granxas, estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo- deben acudir  Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, para solicitar a correspondente bonificación. Alí deberán de presentar a documentación oportuna para acollerse a este desconto que posibilitou a proposta de Alcaldía aprobada inicialmente no Pleno de maio de 2016.  No caso daqueles veciños que xa solicitaron este ano a bonificación, terán que acreditar só que continúan coa actividade agraria.

Coa modificación da normativa municipal recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego.

Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, que marca como prazo ata o ano 2016 para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.

A consecuencia disto, as instalacións agrarias inclúense agora no Imposto de Bens e Inmobles, co cal pasarán a pagar a cota correspondente.

Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “tamén axudamos a un sector que agora se ve afectado por esta revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando”, engade.

Esta medida foi acordada polo goberno municipal, logo de saber que a revisión catastral integral realizada dende a Dirección Xeral do Catastro incluiría a referenciación de construccións relacionadas co sector primario.