O proceso de revisión das alegacións ao PXOM rematará esta semana

Silleda, 13 de xaneiro de 2014. O proceso de revisión e análise das alegacións presentadas ao PXOM de Silleda rematará esta semana coa que se prevé sexa a última xuntanza dos voceiros dos grupos municipais co equipo redactor. Na  reunión, prevista para o xoves 16 ás 10.30 horas, analizaranse as preto de 100 alegacións que quedaban pendentes, correspondentes a varias parroquias do rural.

Así, está previsto pechar xa o proceso de revisión das 738 reclamacións presentadas en total ao documento, un trámite que comezou en setembro do pasado ano.

Unha vez analizadas as alegacións aceptadas e as rexeitadas, a empresa redactora, Eptisa, terá que volcar as modificacións pertinentes no planeamento incorporando as alegacións que se admitiron así como a información relativa aos informes sectoriais dos distintos organismos que informaron sobre o documento.

“Agardamos que este traballo se axilice ao máximo posible, xa que as previsións que manexamos pasan por ter aprobado do Plan Xeral a final de ano”, sinala o alcalde e concelleiro de Urbanismo, Manuel Cuíña. Unha vez realizados os cambios, o documento terá que volver a Pleno para a aprobación provisional e remitirse á Xunta para a pertinente aprobación definitiva.

O Plan Xeral de Silleda foi aprobado inicialmente pola Corporación o 18 de decembro de 2012 e a exposición ao público (que se prolongou durante dous meses)  iniciouse en xaneiro de 2013, hai agora un ano, con reunións informativas en todas as parroquias.

“Fíxose unha exposición exemplar”, apunta Cuíña, que resalta ademais que nas xuntanzas de voceiros que se veñen celebrando dende o 10 de setembro do pasado ano “ se foron analizando unha por unha todas as alegacións presentadas, vendo os motivos polos que se aceptan ou rexeitan os cambios propostos”, engade.

No caso do rural, moitas das alegacións refírense á inclusión ou exclusión de propiedades en núcleos. Ademais da revisión destas, tamén se mantiveron encontros con propietarios de Silleda e da Bandeira cos que se prevé asinar convenios para o desenvolvemento de plans urbanísticos.

“Os prazos estánse cumprindo segundo o calendario previsto, e agardamos axilizar ao máximo todos os trámites xa que para o municipio de Silleda é vital poder contar canto antes co PXOM”, reiteira o alcald