O programa Creadoras volta a Silleda con motivo do Día da Muller o vindeiro sábado día 11

Silleda, 4 de marzo de 2017.  Silleda celebrará o Día Internacional da Muller o vindeiro sábado día 11 co programa Creadoras como protagonista.

Esta iniciativa, promovida pola Concellería de Igualdade  de Silleda a través do Centro de Información á Muller,  naceu no ano 2013 a modo de serie audiovisual para difundir o traballo e a opinión de veciñas do municipio.

As protagonistas deste ano son as floristas Isabel López Fraiz e a súa nai Carmen Fraiz Costoya; a hostaleira Rosa Iglesias Andrade ; e a matrona xubilada Teresa Rodríguez Silva.

O acto terá lugar o sábado día 11 no salón de actos da Casa da Cultura de Silleda, ás 17:30 horas.  Ademais da proxección dos vídeos sobre a traxectoria destas catro mulleres incluirá a lectura dun manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Pili Peón.

Esta serie audiovisual que se retomou o pasado ano ten por obxectivo visualizar o papel das mulleres, as súas formas de creación, traballo… ou a súa opinión sobre temáticas relacionadas coa igualdade ou co empoderamento.

“Con este acto Silleda volve render homenaxe á muller no 8-M, personificando nas protagonistas da  serie Creadoras o seu traballo diario e a súa loita pola igualdade de oportunidades”, sinala a concelleira Pili Peón.

Gandeiras, empresarias, artesanas, profesionais liberais… protagonizaron nos últimos a serie Creadoras.

No acto do vindeiro sábado recoñecerase nestas catro silledenses o papel que a muller representa na sociedade actual.

Carmen Fraiz  Costoya e a súa filla Isabel López Fraiz , de Floristería Carmiña –entidade creada en Silleda en 1986- representan o esforzo dos comezos na posta en marcha dun negocio, neste caso relacionado coa arte floral e as plantas,  e o relevo xeracional.

Teresa Rodríguez Silva, matrona xubilada, é outra das homenaxeadas este ano. Filla do médico de O Castro asistiu no parto a varias xeracións de mulleres, comezando a exercer nun hospital de Vigo e pasando a ter despois o consultorio na súa casa de Silleda, ata a que se creou o Centro de Saúde silledense, onde exerceu durante moitos anos.

Creadoras tamén rinde homenaxe a Rosa Iglesias Andrade, empresaria de hostalería dende hai máis de 20 anos. Rosa con clara vocación emprendedora dende moi nova, rexenta o Bar Papos, coñecido polas súas tapas. Dende hai pouco dedícase por completo ao negocio hostaleiro, que compaxinou durante anos con outro traballo nun supermercado, e co coidado da súa filla.

Proxección de "Visións"

A cita de Creadoras súmase, no programa de actos con motivo do Día Internacional da Muller, á proxección de "Visións" a película colaborativa feita por 10 creadoras audiovisuais da provincia que chega da man do proxecto Cinema e Muller, da Deputación de Pontevedra.

A cita, presentada por Andrea Zapata, unha das directoras que participa no film será o vindeiro mércores día 8 ás 17:00 horas na Casa da Xuventude de Silleda.