O programa municipal Silleda Emprega colaborará co portal galego de emprego Galejobs

Silleda, 4 de novembro de 2015. O Concello de Silleda colaborará co portal galego de emprego Galejobs, unha plataforma impulsada por novos emprendedores e coa que se busca complementar e ampliar a acción do programa municipal Silleda Emprega.

A concelleira de Emprego, Ana Luisa González Costa, mantivo hoxe un encontro coa responsable comercial da entidade Judit Garrós, que está xa a manter contactos con empresas da zona.

“Este portal traballa dun xeito que consideramos moi interesante, xa que introducen un concepto novidoso baseado sobre todo na personalización tanto da oferta como da demanda”, engade a concelleira.

A colaboración iniciarase xa nas vindeiras semanas para facilitar a participación de Silleda na campaña de Nadal, “o que consideramos beneficioso tanto para os veciños e veciñas que demandan emprego como para as empresas que poidan precisar de traballadores”, explica.

Xornada informativa

Despois do Nadal celebrarase unha presentación deste portal en Silleda, dirixida sobre todo as persoas en situación de desemprego. “É unha forma diferente de enfocar a xestión nesta materia e consideramos que pode resultar moi interesante”, engade Ana Luisa González, destacando tamén o carácter descentralizador deste novo portal, que inclúe as ofertas de moi diversas poboacións galegas.

Mañá Plan de Garantía Xuvenil

Por outra banda mañá xoves día 5 celebrarase ás 12.00 na Casa da Cultura a sesión informativa sobre o Plan de Garantía Xuvenil, dirixido a mozos/as de 16 a 19 anos que  buscan traballo ou formación.

Con esta iniciativa búscase mellorar a situación dos máis novos no mercado laboral así como facilitar a súa inserción no mercado de traballo. Este plan deseñado pola Xunta pretende garantizar a igualdade de oportunidades no mercado laboral, ademais de ofrecer experiencia en materia laboal, formación ou cursos de idiomas e TIC.