O PXOM de Silleda recibiu a día de hoxe 147 alegacións

 

Silleda, 16 de febreiro de 2013. O departamento municipal de Urbanismo do Concello de Silleda contabilizou a día de hoxe un total de 147alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A inmensa maioría destas alegacións, un total de 135 pertencen a zonas do rural silledense e as doce restantes aos dous núcleos urbanos (10 de Silleda e dúas da Bandeira).

A falta dun mes para que remate o periodo de exposición pública (o prazo acábase o 17 de marzo), foron moitos os veciños e veciñas de Silleda, así coma propietarios que residen fóra do municipio, os que consultaron o documento, tanto nas dependencias municipais de Urbanismo como nas reunións que se celebraron nas parroquias, e tamén a través da web municipal (www.silleda.es).

“Nas visitas ao rural estamos a ter unha grande afluencia de xente”, explica a alcaldesa e concelleira de Urbanismo, “o que demostra o interese dos veciños e veciñas, que normalmente acostuman a visitar despois o departamento de Urbanismo para asesorarse nas súas alegacións co persoal técnico”, engade.

A día de hoxe xa se celebraron reunións nun total de 23 parroquias e a toa finais de mes estas xuntanzas continuarán en Saídres (luns 18); Abades (19); Breixa (20); O Castro (21); Ponte (22). A última semana as reunións terán lugar en Escuadro (luns 25); Xestoso (martes 26) e por último en Manduas o mércores 27. Así mesmo, o planeamento está a disposición do público dende o pasado 26 de decembro nas dependencias de Urbanismo, e tamén se pode consultar na páxina web, onde tamén se ofrece un formulario para cubrir as alegacións e un documento coas instruccións para cumplimentalo.

No referente ao rural, moitas das alegacións recollidas refírense á exclusión ou inclusión de propiedades dentro de núcleo rural. Tamén se están a rexistrar reclamacións para facer correccións na planimetría (camiños privados que se grafiaron como públicos, liñas eléctricas…) .”Por iso as alegacións dos veciños serán moi importantes para que o texto se enriqueza e mellore”, engade Paula Fernández. A alcaldesa tamén ten previsto iniciar contactos con propietarios para a firma de convenios urbanísticos nas zonas de posible desarrollo.

“Aínda queda un mes para que os veciños e veciñas nos fagan chegar as súas alegacións, coas que esperamos mellorar o documento”, engade resaltando que a cantidade e o contido das reclamacións realizadas ata o momento amosan “que o planteamento do Plan Xeral está ben formulado”, engade. Paula Fernández destaca ademais dous aspectos neste periodo da exposición do documento, aprobado inicialmente nun Pleno extraordinario o pasado 18 de decembro: a gran accesibilidade que está a ter o público ao documento e o asesoramento dos técnicos, que están a axudar aos propietarios/as na redacción das alegacións, tanto no propio departamento como nas reunións das parroquias.