O socavón de Parada quedará reparado esta semana

Silleda, 31 de marzo de 2013. Os traballos de reparación do socavón que se formou no vial da parroquia silledense de Parada comezaron hoxe. As obras quedarán listas esta semana, logo dun arranxo intenso para atallar os graves problemas rexistrados neste punto da estrada, causadas polo afloramento de aguas baixo a calzada, unha situación que se agravou por mor dos últimos temporais.

Para realizar os arranxos levantarase o firme nun tramo de algo máis de 25 metros de longo, e en todo o ancho do viario. Unha vez levantado procederase a drenar a zona, colocando as tubaxes pertinentes, e a repoñer o  aglomerado.

Á vista da urxencia para reparar este vial, dado que por aquí circulan entre outros o transporte escolar e vehículos que realizan outros servizos, o goberno local decidiu adxudicar as obras a unha empresa local, solicitando varios orzamentos. Os traballos foron adxudicados á firma Fernández Sarmiento, que presentaron o orzamento máis barato, con 7.200 euros.