O venres remata o prazo para solicitar as subvencións deportivas e culturais do Concello

Silleda, 16 de maio de 2017.  O prazo para solicitar axudas a actividades deportivas e culturais outorgadas polo Concello de Silleda remata o vindeiro venres día 19 . O BOP de Pontevedra publicou o pasado 18 de abril as bases destas dúas liñas de subvención municipais, outorgando un prazo de 30 días naturais. No caso da liña de Participación Social, unha das novidades deste ano, con axudas dirixidas específicamente ás asociacións veciñais o prazo rematará o vindeiro luns día 22. 

En total as tres liñas de subvencións suman 98.100 euros, o que supón un aumento de algo máis dun 30% respecto á partida outorgada o pasado ano.

Como xa vén sendo habitual, toda a documentación e anexos a presentar poderá descargarse da web municipal e están tamén disponibles nas dependencias municipais.

En canto ás axudas para a realización de actividades de mantemento de asociacións culturais e realización de actividades culturais, a partida correspondente é de 58.000 euros. Poderán concorrer as asociacións culturais que estén inscritas no  Rexistro Municipal de Asociacións para financiar gastos de actividades ao longo do presente ano.

Entre os criterios a ter en conta figuran os relacionados coas asociacións (numero de socios, antigüidade, continuidade da traxectoria dende a súa creación); coas actividades (interese cultural, numero de actividades realizadas ao longo do ano, fomento da cultura no colectivo infantil…)

Terán tamén ao igual que nos últimos anos consideración especial os colectivos ou asociacións  que precisen de directores especializados para desenvolver as súas actividades.

No caso das deportivas, a contía é de 35.000 euros, dos que 10.000 euros  se destinarán como nos últimos anos á Escola de Fútbol de Silleda. Neste caso valorarase o fomento do deporte base e das escolas deportivas, o mantemento das instalacións deportivas, o número de participantes directos ou indirectos nas actividades, o interese xeral da actividade, o número de deportistas federados e tamén se valora que estes estén empadroados en Silleda.

A terceira das liñas, a de subvencións para a realización de actividades de promoción da Participación Social e/ou Veciñal tamén está destinada ás asociacións inscritas no rexistro municipal. Teránse en conta criterios como a antigüidade da asociación veciñal, o interese xeral da actividade ou o fomento da participación.

Xustificación, ata o 15 de decembro

Nos tres casos, o prazo para xustificar debidamente as axudas concedidas (presentando en cada caso a documentación requerida) remata o vindeiro 15 de decembro, se ben as entidades que así o estimen poderán solicitar unha prórroga que se aceptará se está debidamente xustificada.