Obra Social La Caixa colabora co Concello de Silleda no Programa de Intervención Integral do Alzhéimer

Silleda, 21 de decembro de 2016. O Concello de Silleda vén de asinar un convenio de colaboración coa Obra Social La Caixa para o desenvolvemento do Programa Integral de Atención do Alzhéimer que continuará en Silleda o vindeiro ano 2017.

O alcalde, Manuel Cuiña, e Marisa Trastoy, representante da entidade, asinaron este acordo polo cal La Caixa aportará a cantidade de 3.300 euros a esta iniciativa social, que coordina o departamento municipal de Benestar Social, dirixido por Pili Peón.

“Agradecemos o compromiso da Obra Social La Caixa que coa súa aportación contribuirá a levar a cabo un programa de atención tanto ás persoas afectadas por esta enfermidade coma as súas familias”, indica Manuel Cuiña.

O alcalde, que en días pasados asinou o convenio con AFAPO para renovar o programa do Alzhéimer en Silleda, lembra que o pasado ano  o Concello de Silleda foi quen de quintuplicar o orzamento destinado a esta iniciativa pasando dos 4.000 aos 18.000 euros, un orzamento co que se eliminou o copago dos usuarios do programa. “Este esforzo, apoiado agora con colaboracións coma a de La Caixa, vén da dar conta do apoio do Concello de Silleda a unha problemática social que por desgracia afecta cada vez a un maior número de veciños e veciñas”, indica o rexedor.

O programa de Atención do Alzhéimer, que se iniciou con éxito no ano 2014, comezará o vindeiro mes de xaneiro cos obradoiros de formación para as familias e coidadadores/as de persoas aqueixadas de Alzhéimer e outras demencias e continuará a partir de febreiro coas sesións de estimulación cognitiva para as persoas que sofren estas enfermedades.

Entre os obxectivos deste programa de intervención integral figuran axudar ás familias a comprender a importancia no coidado dos enfermos e previr situaciónns de desgaste físico e/ou emocional, que poidan derivar en estrés crónico, e tamén ralentizar na medida do posible o deterioro cognitivo, pérdida de memoria, de mobilidade e función motoras que presentas as persoas con demencias.

A mellora da calidade de vida , tanto das familias como dos enfermos é o reto específico desta actuación que comezou a desenonverse en Silleda no ano 2014.