Os alcaldes de Silleda e Lalín establecen liñas de colaboración e estratexias comúns

Silleda, 9 de xullo de 2015. Os alcaldes de Silleda e Lalín, Manuel Cuiña e Rafael Cuiña, mantiveron hoxe un novo encontro, logo da primeira reunión celebrada hai uns días na capital dezana.

Nesta ocasión a xuntanza celebrouse no consistorio de Silleda, coa participación de edís do goberno silledense e do tenente de alcalde de Lalín, Nicolás González Casares.

Nesta xuntanza os dous alcaldes continuaron avanzando no establecemento de estratexias comúns e liñas de colaboración entre ámbolos dous Concellos, para acadar resultados máis eficientes nas dúas Administracións locais e que permitan tamén un maior aforro de custes.

Un dos acordos xa pechados é o de constituir unha comisión permanente de Benestar Social entre os dous municipios, que se formalizaría a partir de setembro, que se reunirá con certa periodicidade. Esta decisión chega logo da reunión celebrada en días pasados entre os departamentos municipais de Benestar Social dos dous Concellos.

Ademais, os dous rexedores asinaron xa hoxe o primeiro documento conxunto: unha petición a Mancomunidade Terras do Deza, para celebrar, canto antes unha xuntanza de alcaldes de cara a abordar cuestións relativas ao funcionamento da entidade.

AP-53, Eixo Atlántico e promoción do Camiño de Santiago

Os alcaldes de Silleda e Lalín tamén amosaron durante o encontro a súa preocupación pola operación de venda da AP-53 a un fondo do goberno de  Malasia, algo que consideran “lamentable e polo que políticamente actuaremos en conciencia”, engaden.

No marco da colaboración entre ámbalas dúas Administracións, o alcalde lalinense, Rafael Cuiña, tamén se comprometeu a dar voz ao Concello de Silleda no Eixo Atlántico, entidade da que forma parte como membro da comisión executiva, transmitindo propostas que poidan ser de interese para o municipio trasdezano. O rexedor silledense, Manuel Cuiña, agradece a disposición do alcalde de Lalín neste senso, “xa que a través deste órgano poderíamos optar a iniciativas con fondos europeos”, explica.

Outra das cuestión abordadas nesta segunda xuntanza foi a promoción conxunta do Camiño de Santiago, un patrimonio que comparten os dous municipios, e a creación de sinerxias para a dinamización turística.

Autobuses para a manifestación do 17 en apoio ao sector lácteo

A gravísima crise pola que está a atravesar o sector da producción láctea, con gran peso na economía local de Silleda e de Lalín, tamén se abordou nesta xuntanza.

Os dous mandatarios acudirán o vindeiro martes á reunión da Plataforma pola Defensa do Sector Lacteo e apoiarán o día 17 aos gandeiros e gandeiras na manifestación prevista en Santiago de Compostela.

Así, dende os concellos de Silleda e Lalín fletaranse autobuses para facilitar a todos os veciños e veciñas que o desexen a súa asistencia á marcha de apoio, que comezará en Amio.  “É necesario que impliquemos á sociedade neste frente común ante a situación que vive un sector que é clave para a nosa economía e que está a atravesar unha crise sen precedentes que nos acabará afectando a todos”, conclúen.