Os nenos e nenas do campamento de Nadal entregan no Concello o Libro das Tradicións do Nadal

Silleda, 8 de xaneiro de 2014. O campamento de Nadal de Silleda, no que participaron nas últimas semanas un total de 30 nenos e nenas,  rematou hoxe coa entrega do “Libro das tradicións do Nadal” no Concello. Un grupo de 10 alumnos e alumnas achegáronse hoxe ata o Concello onde foron recibidos polo alcalde, Manuel Cuíña, e a concelleira de Educación, Pilar Peón, cos que compartiron as súas impresións sobre as actividades no campamento.

As tradicións do Nadal, dende unha perspectiva multicultural, foi un dos eixos de traballo das actividades, realizando debuxos e textos sobre cómo viven estas datas festivas en distintos países do mundo e  plasmando tamén a súa propias vivencias no Nadal. O traballo rematou coa confección do libro que foi entregado aos representantes municipais.

O campamento, que rematou hoxe logo de dúas semanas de actividade (dende o 23 de decembro) tamén contou con dúas saídas, ao centro comercial Pontiñas e a unha pista de xeo, onde o grupo viviu unha xornada inesquecible patinando.