Os nenos e nenas que estén empradroados en Silleda terán a súa entrada gratis no Concello para asistir ao Silleda Park

Silleda, 1 de decembro de 2016-.  O Concello de Silleda, no marco da campaña de fomento do empadroamento, agasallará cunha entrada ao Silleda Park a todos os nenos/as que estén censados no municipio.

As entradas para acceder a este parque de atraccións que se ubicará no recinto feiral Semana Verde durante o Nadal poderán recollerse na Casa do Concello (na primeira planta) dende mañá venres día 2, en horario de 08:00 a 15:00 horas.

As entradas deben de ser recollidas por persoas maiores de idade, que deberán de amosar algún documento (DNI ou Libro de Familia) dos/as menores para facer a correspondente comprobación no padrón.

Haberá entradas para todos os nenos/as menores de 18 anos. O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira Ana Luisa González, xunto coa técnica de Cultura, Sara Blanco, mantiveron en días atrás un encontro co director xeral da Semana Verde, Ricardo Durán, e personal desta entidade para perfilar a colaboración do Concello.

O Silleda Park estará aberto os días 25, 29 e 30 de decembro, e o 1 ao 8 de xaneiro próximos, en horario de 16:30 a 21:30 horas.

“Pensamos que esta é tamén unha forma de estimular o empadroamento no noso municipio, onde sabemos que hai xente que reside incluso dende hai anos e a pesar diso está censada noutros concellos, unha situación que nos afecta a todos negativamente”, indica Cuiña.

O alcalde, que sinala que logo da posta en marcha da campaña de sensibilización “Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis”, dirixida sobre todo ás persoas que residen no municipio sen estar empadroadas, houbo varias altas no padrón, “aínda que temos que seguir traballando e concienciando á xente de que canta menos poboación teñamos menos fondos teremos tamén para realizar inversións públicas e mellorar servizos”, engade.