Os pregos de contratación da segunda fase do campo da Gandareira aprobaranse no pleno do vindeiro xoves

Silleda, 20 de xaneiro de 2018.  O vindeiro xoves día 25 celebrarase ás 10:00 horas a sesión do Pleno Ordinario da Corporación de Silleda. Na orde do día figura a aprobación do prego de cláusulas administrativas e a convocatoria da licitación para contratar –por procedemento aberto-as obras correspondentes á segunda fase do campo de fútbol da Gandareira, na localidade da Bandeira.

A actuación lévase a cabo co apoio da Deputación de Pontevedra que, no marco das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos en municipios de menos de 20.000 habitantes, outorgou unha axuda de 706.136 euros  para levar a cabo a segunda fase de obras do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira.

Esta subvención corresponde ao 80 por cento da inversión que se situará, nesta segunda fase nun total de 882.671,16 euros, contando coa aportación municipal.

Esta actuación inclue a finalización das gradas do campo de fútbol, que xa se comezou a remodelar a finais deste verán, a dotación de novos vestiarios, e a urbanización do entorno, continuando a senda da rúa Lourás e mellorando o vial ata o entronque coa  rúa da Estación, entre outros.

Tamén se someterá a aprobación do pleno o novo modeo e documentos anexos da declaración responsable de concesión de licenzas de obras e apertura de establecementos, así como a aprobación dun convenio cunha empresa para a adaptación ao regulamento europeo de protección de datos persoais.

A orde do día do Pleno inclue tamén a desestimación do recurso de resposición que presentou a empresa Serinter S.L conta o acordo do Pleno do pasado 30 d enovembro de licitación do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF). O informe do técnico municipal ao respecto advirte que á empresa lle consta que o contrato era de 2 anos, prorrogable por outros dous, como máximo, previo acordo mutuo, e que así figura no Prego de Condicións e anuncios de licitación publicados no BOP e Perfil do Contratante, coa conclusión de que a cláusula de catro anos que figura no texto contractual só pode interpretarse no senso “que serian catro anos si se decidía instar a prórroga”, o cal non ocorreu porque a Corporación decidiu no Pleno de 30 de Novembro de 2017 non prorrógalo, e efectuar unha nova licitación.

As bases para a concesión das axudas municipais para actividades culturais, entidades deportivas e de participación veciñal tamén se incluén na orde do día para o vindeiro xoves.

As comisións informativas celebraránse o vindeiro martes día 23.