Preto de 200 persoas asistiron ás actividades do programa Avelaíña no seu primeiro ano

Silleda, 1 de novembro de 2016.  O programa Avelaíña posto en marcha a finais de outubro de 2015 polo Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Cultura, cumpre o seu primeiro ano de vida cun satisfactorio balance. Dende a súa posta en marcha preto de 200 silledenses se beneficiaron desta iniciativa dirixia ao público infantil, preferentemente de 0 a 6 anos, e ás súas familias.

Ademais da creación dun programa de actividades, estruturado en varias áreas, tamén se procedeu á creación dun Centro Lúdico Infantil no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, que se veu sumar ao servizo que xa ofrece a Casa da Xuventude na vila de Silleda.

Estes son os dous puntos onde se celebraron dende outubro de 2015 una decena de actividades dirixida tanto aos nenos e nenas coma aos seus proxenitores. Así, celebráronse obradoiros coma o de recursos en galego para as familias, charlas sobre primeiros auxilios en bebés e nenos, sobre alimentación infantil e sesión de contacontos, tanto para os cativos como a modo didáctico para os país e nais. Tamén tiveron lugar talleres sobre educación emocional neste último mes.

“Estamos moi satisfeitos co balance deste primeiro ano do programa”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que advirte que nos últimos anos, á vista do incremento de nacementos en Silleda e A Bandeira se apostou por ofrecer “un servizo dirixido específicamente ao público máis novo, que está a ter moi boa acollida”, engade.

A media de asistencia foi de 20 persoas por actividade, procurando incorporar no programa cuestións lúdico-educativas para as crianzas pero tamén temas de interese sobre o desenvolvemento físico e emocional para os pais e nais.

Sesión sobre Igualdade

Ante a celebración o vindeiro día 25 do Día Internacional da Non Violencia, dende o programa Avelaíña o Concello de Silleda tamén incorporará na súa programación unha actividade relacionada coa igualdade de xénero e a coeducación, complementando a aposta que xa se ven facendo neste eido a nivel municipal.

A cita será o vindeiro sábado día 26 de novembro, na Casa da Xuventude de Silleda, coa sesión “Contos contiños para medrar todos xuntiños”, en hroario de 11:00 a 13:00 horas. Ademais dun contacontos sobre a igualde de xénero, haberá un obradoiro de manualidades para as familias e unha exposición de contos para orientar ás familias sobre cómo introducir aos nenos na cuestión coeducativa.  

Deste xeito, o programa Avelaíña súmase ás accións educativas entre o público máis novo para contribuir a fomentar a igualdade na nosa sociedade.