Recollidos un total de 43.580 kilos de plásticos agrícolas na primeira fase de recollida deste ano posta en marcha polo Concello de Silleda

Silleda,  4 de maio de 2017.  A primeira campaña de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiros de 2017 en Silleda rematou a pasada semana cun total de 43.580 kilos retirados. Finalmente foron 112 as solicitudes recibidas, procedentes dun total de 29 parroquias.

Por número de avisos recibidos, Escuadro (con 16); Graba (14); Laro (12); Parada (8), Cortegada (6); Cervaña (6) e Oleiros (5), foi onde máis se concentraron, xunto con outras parroquias como Cira, Parada e Ansemil, onde se recolleron sobre todo plásticos de invernadoiro.

Dende as Concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, Klaus Brey e Jesús Taboada agradecen a colaboración de todos os usarios e usuarias deste servizo para poder realizar con éxito esta primeira recollida do ano coa colocación dos plásticos en lugares axeitados e tamén a rapidez do proceso.

Os plásticos trasladáronse por parte da empresa Sima a un lugar de acopio no polígono Área 33, empregando camións nodriza para o traslado desde este punto ata o centro de transformación.

O pasado ano 2016, con dúas campañas retiráronse un total de 122.000 kilos de plásticos ao longo do exercicio, cun total de 192 peticións.

O programa de recollida de plásticos agrícolas e invernadoiros púxose en marcha en Silleda no ano 2008, cuns resultados excelentes a xulgar tanto polas solicitudes recibidas como pola cantidade recollida.

Trátase dunha medida que tivo unha grande acollida veciñal, evitando a acumulacións duns plásticos que metidos na terra tardarían uns 500 anos en degradarse.

Dende o ano 2013 esta recollida non ten custe algún para o Concello de Silleda, froito do acordo ao que se chegou coa empresa autorizada.