Remata a ronda de reunións no rural do goberno municipal nas parroquias

Silleda, 6 de abril de 2017.  O goberno municipal de Silleda vén de rematar a ronda de reunións nas parroquias, toda vez que hoxe se celebrará a última delas, en Graba. A axenda, para informar aos veciños e veciñas sobre distintas cuestións de calado e recoller as súas peticións, iniciouse en maio do pasado ano e suspendeuse no verán con motivo da campaña das Eleccións Xerais e do periodo estival.

Nesta primeira ronda visitáronse 15 parroquias e dende o pasado mes de xaneiro foron 16 as que figuraron na axenda do executivo municipal. “No noso programa de goberno incluimos estas visitas para estar en contacto directo cos veciños de rural, informarles dos principais temas do municipio e proxectos que se están levando a cabo e recoller tamén as súas propostas, peticións ou inquedanzas”, lembra o alcalde, Manuel Cuiña.

Nestes encontros abordáronse  cuestións de interese coma o estado do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que está xa na recta final ,  o proxecto do Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda e a convocatoria a subvencións europeas para o seu desenrolo, ou as axudas do Plan Municipal de Creación de Emprego.

Outro dos temas destacados que se abordou nestes encontros foi a proposta de traslado das oficinas municipais á actual Casa de Cultura, para o que se celebrará un referéndum.

“A consulta popular oficial que se celebrará próximamente para que entre todos decidamos se unificamos ou non os servizos municipais na actual Casa da Cultura xa foi explicada nesta ronda de reunións e unha vez que se fixe a data do referéndum enviarase información a todos os domicilios a fin de acadar a maior participación posible”, indica o alcalde.

A chegada da recollida selectiva ao rural nas vindeiras semanas ou a constucción da Residencia de Maiores e Centro de Día, xunto coa bonificación do IBI ás explotacións agrarias tamén formaron parte da axenda informativa do goberno municipal.

Nestas xuntanzas o equipo de goberno tamén recolleu as peticións veciñais nas que destaca, con diferencia,  a mellora de infraestruturas viarias. “Somos conscientes de que hai que continuar mellorando a rede viaria”, sinala Cuiña, “pero temos algo máis de 1.000 kilómetros de pistas municipais ao longo dos 169 kilómetros cadrados do noso municipio e temos que ir pouco a pouco”, explica.  O rexedor tamén lembra que no orzamento municipal para 2017 está prevista unha inversión en melloras de viais de máis de 500.000 euros.

“Algunhas das petición xa foron atendidas e iremos priorizando as máis urxentes na extensa lista de deberes que nos puxeron os veciños nesta ronda de reunións e que esperamos poder cumplir”, remata o alcalde.