Remata o proceso de revisión das alegacións ao Plan Xeral

Silleda, 16 de xaneiro de 2014. Hoxe tivo lugar no Concello de Silleda a última das xuntanzas para revisar as alegacións al Plan Xeral de Silleda. Na reunión partiparon ademais do alcalde e concelleiro de Urbanismo, Manuel Cuíña, o voceiro do BNG e os técnicos de Eptisa. O voceiro popular non puido asistir finalmente, excusando a súa presenza por un imprevisto.

Nesta reunión ademais de rematar a análise das alegacións nas parroquias (quedaban pendentes as reclamacións de Vilar, Xestoso e Taboada), tamén se estudaron as relativas aos lugares rurais da parroquia de Silleda, así como alegacións xenéricas, entre elas as presentadas polos dous grupos da oposición.

Durante a xuntanza tamén se falou do calendario de traballo previsto e os prazos para a tramitación do documento. Así, a empresa redactora estima que terá o documento listo (unha vez volcado o fundido das alegacións e dos informes sectoriais vinculantes) sobre mediados de ano.

“Se os prazos que barallamos se cumpren, a aprobación provisional no Pleno faríase a finais do verán, para logo remitir o documento á Xunta, que terá a última palabra para a aprobación definitiva”, engade Cuíña.

O alcalde confía en que o proceso esté rematado a finais deste ano, “porque o PXOM é a gran asignatura pendente que temos en Silleda a día de hoxe”, engade.