Rematado o aparcadoiro da parroquia de Fiestras

Silleda, 15 de maio de 2014. O aparcadoiro xunto ao templo parroquial de Fiestras está xa operativo. A semana pasada a  empresa adxudicataria dos traballos,  Canterías y Obras Manuel Vaqueiro S.L.U.,  rematou esta dotación que suporá unha notable mellora nos accesos desta localidade.

A Concellería de Medio Rural e Obras, que dirixe Klaus Brey, promoveu este proxecto habilitando un espazo de aparcamento nas inmediacións do templo parroquial de San Martiño, xa que a localidade non dispoñía de sitio suficiente para acoller este servizo, polo que moitas veces os vehículos invadían a pista de acceso.

Os traballos, incluídos dentro do Plan de Inversións da Deputación, supoxeron unha inversión de máis de 35.000 euros.

Logo de limpar e adecentar o terreo, cedido por un veciño da localidade, que dende o Concello se lle agradece o xesto, procedeuse á construcción do aparcadoiro, coa apertura de zanxas e levantamento dun muro de pedra.  O novo recinto, unha das demandas da parroquia, ten capacidade para albergar a 40 vehículos.

“Era unha actuación moi necesaria para esta parroquia, e non só dará servizo aos usuarios da igrexa senón a todos os residentes nesta zona e tamén visitantes”, sinala Klaus Brey.