Rematan as obras de instalación da caldeira de biomasa na Casa da Cultura

Silleda, 4 de setembro de 2015. A instalación da caldeira de biomasa na Casa da Cultura de Silleda está xa lista.  Esta nova dotación dará servizo a todas as dependencias municipais do recinto, ubicándose nun local anexo ao edificio principal, na parte traseira da planta baixa.

Con esta iniciativa melloraránse as condicións destas instalación municipais, ademais de lograr un maior aforro no consumo enerxético. Nos últimos días realizáronse as probas correspondentes no circuito da calefacción.

Esta actuación realízase con cargo á iniciativa de Proxectos Dinamizadores de áreas rurais de Galicia, para equipamentos técnicos de biomasa 2015, cunha inversión de 23.600 euros (sin IVE).  A través deste proxecto o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) achega 16.650 euros e o resto da inversión finánciase con fondos municipais.

“Nos vindeiros meses o edificio da Casa da Cultura verase mellorado coa necesaria instalación do ascensor, que se ubicará na fachada traseira do inmoble”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, na última sesión da xunta de goberno local de Silleda, procedeuse a adxudicar a instalación do ascensor á empresa local Endenor, por un importe de 50.461, 62 euros máis IVE.

Unha vez que a empresa adxudicataria presente a documentación necesaria asinarase o contrato para iniciar xa as obras.

“É unha das obras máis necesarias a día de hoxe para garantir a accesibilidade a este recinto municipal”, indica o alcalde.

Con estas dúas notas dotacións Cuiña advirte que o edificio “mellorará sustancialmente as condicións de habilitabilidade” e lembra a súa proposta de realizar un referéndum para consultar “a todos os cidadáns o posible traslado do Concello a actual Casa da Cultura”.

Con esta iniciativa Cuiña lembra que se conseguiría centralizar todos os servizos municipais nun só recinto “facilitando e axilizando os trámites aos usuarios e logrando ademais un maior aforro económio”.

En todo caso, o rexedor sinala que a súa proposta, avanzada xa durante a pasada campaña electoral, “deberá  irá refrendedada pola opinión maioritaria dos veciños e veciñas de Silleda”, engade.