Remodelación do grupo de goberno no que entra o histórico socialista Benito Saavedra

Silleda, 18 de outubro de 2016.  O goberno municipal de Silleda vén de remodelarse logo das salidas de Aida Castro Caramés e María José Fernández Rodríguez. O equipo de goberno, con Manuel Cuiña ao frente, incorpora trala última renuncia a Benito Saavedra Vázquez, veciño de Margaride e un histórico socialista do municipio, sendo a día de hoxe o militante máis antigo da agrupación silledense.

De 64 anos, é empregado do sector servizos e figuraba na candidatura socialista co número 12. “Como xa dixen hai uns días, entraría no grupo a persoa que máis posibilidade de adicación ao posto teña, e neste momento Benito Saavedra é  o que mellor cumple esta premisa xa que se xubilará o vindeiro ano”, explica Manuel Cuiña.

Saavedra entrará a formar parte da Corporación logo da renuncia doutros dous membros da candidatura socialista, Manuel Rozados e Rosa Losada aos que as súas tarefas profesionais ou cargas familiares lle impiden nestes momentos dedicar máis tempo á faceta de concelleiros.

En canto ao reparto de áreas, o alcalde Manuel Cuiña sigue coas Concellerías de Facenda, Seguridade, Tráfico e Réxime Interior. O primeiro tenente de alcalde, Klaus Brey, continúa coas atribucións de Urbanismo, Medio Ambiente e Obras e Servizos.

A segunda tenente de alcalde, Ana Luisa González Costa, asume a Concellería de Cultura, área que levará xunto con  Emprego, Turismo,Deportes,  e Persoal.

A área de Industria e Comercio, que levaba esta última, pasará a depender de Benito Saavedra Vázquez.

Jesús Taboada continúa con Medio Rural e Pilar Peón Iglesias suma ás áreas de Benestar Social, Igualdade, Educación e Sanidade as de Normalización Lingüística, Xuventude e Comunicación Social.

Do mesmo xeito, Pilar Peón, pasa a formar parte da Xunta de Goberno Local, que integran ademais do alcalde, os dous tenentes de alcalde (Klaus Brey e Ana Luisa González) e Jesús Taboada.

O equipo de goberno está integrado ademais por Manuel Iglesias, sen atribucións asignadas debido á falta de tempo polas súas obrigas laborais.